Opinión

¡Feliz 1958, McFLY!

Sempre me chamou moito a atención a cuestión das viaxes temporais, tan recorrente na ciencia-ficción. Dende H.G. Wells ata Zipi e Zape discorreron que pasaría se se puidera trastear adiante e atrás co reloxo a capricho. O cacharro a tal efecto máis arraigado no imaxinario popular da miña xeración é, seguramente, o Delorean pilotado por Marty McFly, que arrasou nos cinemas dos 80.

Anos despois, máis que viaxar a través do continuo temporal nun coche de luxo, semella que o fagamos a saltos montados nun país enteiro. Somos 46 millóns de McFlys dando chimpos adiante e atrás nunha España que muda do branco e negro á cor en décimas de segundo. A ver se só me pasa a min pero o certo é que andaba eu tan tranquilo debullando os inicios do ano 2018 e, de súpeto, voilà! aquí estamos, en pleno 1958.

Non vin as luces de cores e os raios que acompañaban o salto na película pero basta ver a prensa para decatarse da regresión.

Ler que se secuestra un libro que leva tres anos á venda porque a xustiza atende ás demandas dun ex-alcalde do Grove vinculado nun par de parágrafos co narcotráfico soa algo doutros tempos. Parece incrible. Verdade? Digo o do rapto. O da relación do señor cos trapicheos xa é fariña doutro costal.

Ver como a un rapaz de Mallorca dedicado a isto de falar rimando e que decide levar o seu republicanismo ao terreo, con dubidoso gusto, do insulto aos titulares do trono español é condenado a seis anos de cárcere por ofensas á coroa; soa aos séculos do dereito de pernada. Parece claro que os defensores a ultranza do modelo actual, algúns ben máis malfalados que o ínclito Valtonyc, escolleron a este para exemplificar e catequizar.

Na feira de arte ARCO de Madrid, alguén con exceso de celo e certas ideas moi arraigadas, decidiu obrigar a retirar unha serie de fotografías nas que se recollía a persoeiros senlleiros do independentismo catalán definidos como presos políticos. Parece que tampouco se permite xa unha mínima transgresión na arte.

Se máis alá das dúbidas na cuestión do tempo, nos imos chegando no espazo, en Galicia seguimos co culebrón esperpéntico do Pazo de Meirás. Os herdeiros do pequeno do Ferrol tentan sacar tallada dun ben que foi arrebatado ao pobo nos comezos da longa noite pétrea que moitos parecen decididos a recuperar.

O caso de Emilio Cao, o rapaz do Carballiño xa o contei hai un par de semanas. Máis do mesmo. Eu son dunha xeración que escoitaba a Cicatriz cantar aquelo de “Escupe al alcalde, escupe al ministro...” ou a Siniestro Total rimando co membro viril de Jomeini. Había polémicas, si. Discutíase, si. Pero a ninguén se lle ocorría propoñer o nivel de castigo para a disidencia que se está a propoñer hoxe.

Preocúpame a resurrección dos homes grises que censuraban a liberdade creativa con tesoira e rotulador negro de trazo groso.

Toca unha fonda reflexión para non perder o gañado. Toca pensar como reconducir isto para non rematar sentindo que esa transición, da que son fillo, e da que tanto nos gabamos non foi máis que un movemento circular para rematar co noso Delorean en 1958.

Te puede interesar