Opinión

A Fonteantiga baleirada

Fonteantiga ven sendo unha pequena aldea pertencente á parroquia de San Fiz do Barón, ubicada xusto na bocarribeira na que O Carballiño sente xa o bico do Ribeiro.

Non me negarán que é un topónimo certamente fermoso. Evoca tempos nos que os nosos antergos procuraban para os seus asentamentos emprazamentos perto da auga que era e é a base de toda vida, aínda que hoxe, longas tubaxes nola transporten a calquer piso das colmeas nas que habitamos. Pois a beleza da paraxe non desmerece en absoluto ao nome.

Non hai tanto, era un lugar cheo de vida, cóntame o amigo David Carou que nos seus anos de escola de alí ían tamén varios nenos. 

Xa case esquecida e con tan só cinco habitantes, Fonteantiga está estes días no centro dunha polémica que viaxa moito máis alá dos seus lindes. Para moitos entre os que me acho, converteuse nun símbolo da loita pola defensa do noso rural.

Os recentes acontecementos deixan espidas e retratadas a moitas persoas e administracións, as cales, unha vez arrebatadas dos seus cómodos discursos de despacho oficial para confrontalos coa realidade, amosan unha nula sensibilidade coa problemática dos heroes que apostan o seu futuro a vivir nunha aldea.

Eso sí, non pasa un día sen que nos agasallen con grandilocuentes titulares sobre infalibles plans de loita contra a catástrofe demográfica que vive (e matará a) Galicia.

Cos seus caros traxes e, arrodeados de preparados asesores, trazan sen sair dos seus palacetes de cristal escuro ambiciosas estratexias contra a lacra demográfica, o caso é que cando chega a hora de levalos a termo, sofren algún tipo de amnesia e o prometido queda só en metido.

Así pois a história de Sergio e Mati é un claro reflexo do que é vivir hoxe afastados do asfalto de vilas e cidades. Engaloiados polas mensaxes oficiais, cometeron a temeridade de mercar unha casa na referida aldea de poético nome onde se acariñan O Carballiño e O Ribeiro e o que atoparon foi un rural que agoniza con respiración asistida.

Con eles chegou alí a súa filla Uxía de catorce anos que, como a súa idade indica, precisa de ir ao colexio. Non semella un capricho nin un luxo, verdade?

Pois resulta que sí. Ela, a súa familia e o seu soño, deron de fuciños contra o xordo muro da burocracia que pensa unha cousa, dí outra e fai a contraria. 

Uxía tiña que percorrer inicialmente quilómetro e medio para poder chegar á parada do bus escolar. A raíz das protestas dos país, achegaronlle o punto de recollida a “só” catrocentos metros. 

Para os que están cómodamente sentados nos seus sillóns é moi doado dicir que xa está arranxado pero para eles e para os que teñan a tentación de pensar que esa distancia pódea percorrer a pé, convidoos a que se acheguen por alí, calquer día ás 8 da mañá, cando é noite pecha e fagan o traxecto polo medio do monte en solitario. E se lles amarga saír do seu confort, basta con que vexan o vídeo que Mati Moledo subiu ás súas redes sociais. Ninguén mandaría a un fillo seu por alí. Ninguén. Para arranxalo, só cómpre que os responsables quiten os castellanos, e calcen as botas de goma, así saberán do que falan.

De momento e ante o desleixo de todos os que teñen a capacidade de aportar solucións, a familia iniciou unha recollida de sinaturas. Eu penso asinar, non só por eles, se non pola dignidade e o futuro de tódolos poucos que resisten agora e sempre ao invasor.

Te puede interesar