Opinión

Gran Hermano presidente

Pois á fin quedou resolto o misterio menos misterioso dos últimos anos na política española, e non fixeron falla nin Scooby Doo nin Sherlock Holmes para desentrañar a incógnita.

Así que, alá imos logo, en amor e compañía, a unhas novas eleccións para escoller presidente do goberno dado que todos os que podían selo tiñan vetados aos que podían axudarlle a selo e viceversa.

Non, non tente entendelo. É demasiado arrevesado é só a mente privilexiada dos grandes estadistas está preparada para comprender a complexidade de conceptos tan abstractos coma “poñerse de acordo” ou “ben común”. A ver se agora esto da política vai ser falar e entenderse. 

Liñas vermellas, cordóns sanitarios e zarapalladas varias levannos de cabeza ás cuartas eleccións en catro anos, nunha sobredose de urnas que está levando a milleiros de cidadáns a suplicar que non lles inunden o buzón de propaganda chea de promesas que non levan a ningures. Sobre todos se os prometentes non son quen de buscar puntos de encontro entre as duns e as doutros, o cal podería introducirnos nun bucle eterno de votacións e enfados.

Esto aparte dunha notable fartadela, provoca na cidadanía unha lóxica sensación de confusión sobre a utilidade do seu voto.  Cada vez está máis instalada a sensación de que o Congreso é un plató e os presidenciables Paquirrines e Pantojas con garabata, sobreactuando conforme a guións, escritos por señores redondos ou cadrados, e aireando as súas filias e fobias mutuas. 

Cecais, desde esta modesta columna, poida un servidor propor unha saída por se desta volta tampouco vai e hai que buscar fórmulas para evitar así unhas quintas eleccións. 

Explícome, cando George Orwell  escribiu a súa profética distopía “1984” e bautizou como Gran Hermano ao elemento que o controla todo e a todos, seguro que non podía sospeitar que dito nome remataría por ser o título dun programa de televisión, máis ben cutre, no que ora famosos, ora anónimos, ensinannos dadivosamente as súas initimidades. Maiormente, asuntos que non nos importan moito máis alá dun pemento de Padrón dos que pican.

Pois ben, eu metería nunha desas grandes casas cheas de cámaras a tódolos candidatos e deixaría que os telespectadores fosen nominando e eliminando, segundo as súas preferencias, ata que só quedara un. O novo presidente.

Sería o xeito ideal de coñecelos ao natural, tal e como son, máis alá de estratexias e marketing elaborado en cociñas de argumentos ultraprocesados e imaxes artificiais. 

 Teríamos a ocasión de ser testemuñas directas e solidarizarnos cos dramáticos problemas para durmir de Pedro Sánchez  e os seus pesadelos cos ministros de Iglesias. 

Poderíamos comprobar e evaluar a sinceridade da química entre eles e, incluso nun garantido pico de audiencia, presenciar algunha escea de “edredoning” entre Casado e Rivera ante os ciumes de Abascal. 

Por non falar de presenciar as novatadas que uns e outros tentarían facerlle a Errejón que se queixaría amargamente de que poñen a perna enriba.

Método máis natural, transparente e democrático xa non se me ocorre. Aí queda a proposta.

Te puede interesar