Opinión

Manifestación ou brisca de 6?

Tradicionalmente, unha das grandes fortalezas da esquerda política estivo na súa capacidade de mobilizar á cidadanía na rúa en determinados contextos.

Moitísimos dos máis senlleiros avances e fitos alcanzados neste país foron esporeados en manifestacións ateigadas por milleiros de persoas e outras tantas faixas. Desexos de cambio, de xustiza social. Tempos de compromiso e conciencia.

Por citar só algunhas, están as marchas do Primeiro de Maio a prol dos dereitos do obreiro, Gamonal, o No a la Guerra, o Nunca Máis, o aborto libre... Incluso a mesma democracia é, en gran medida, herdanza directa desa inquedanza que impulsaba aos cidadáns a saír masivamente a reivindicarse.

No Carballiño aínda temos presente a manifestación para loitar contra a instalación da incineradora de lixo do sur de Galicia no Irixo. Máis de 5.000 persoas que conseguimos parar a tropelía que nos tiña argallada a Xunta.

Históricamente sempre existiu un problema á hora de cuantificar o éxito dunha concentración  deste tipo. O abano nas estimacións de asistentes soe ser tan amplo que non vexo nin aos de Locomía sendo quen de manexalo. 120 millóns segundo os organizadores, 250 persoas segundo a policía. Un problema que nin Pitagorín.

Sen embargo, esta ardua tarefa de contar pancarteiros estáse a simplificar significativamente nestes últimos tempos. Quitando uns poucos e dignísimos casos,  o concepto manifestación sofre unha desvirtuación perigosísima e moi pouco saudable para un sistema democrático.

Cada vez faise máis habitual ver na prensa ou nas redes actos organizados por colectivos, sindicatos ou partidos (entre eles ao que eu pertenzo) nos que tódolos presentes collen de corpo enteiro nunha foto cun monumento detrás. De feito, ese é, realmente, o problema. A foto. Semella que a algunhas persoas bástalles coa satisfacción case onanista de verse a sí mesmos nela.  Ao meu entender, esto da, ben ás claras, conta da mediocridade na que se está a caer.

Entendo que hai que manter á marxe cuestións de índole local. Pero ver actos convocados para loitar por unhas pensións dignas ou erguer a voz contra a violencia machista nos que os asistentes apenas chegan para conformar un equipo de fútbol sala, debería facer reflexionar fondamente aos seus organizadores.

Entre as causas deste desleixo hainas evidentes, coma o emprego interesado de colectivos ao servizo de egos desmedidos; a balcanización da esquerda sen interese por un entendemento e si por unha ansia desorbitada de tomar unha ficticia dianteira política, a dianteira da nada. O mesmo que facerse trampas ao solitario. A consecuencia máis evidente é provocar na sociedade á que se pretende representar, a sensación de que son temas que non importan, sen interese.

A política de postureo e selfie non pode substituír ao compromiso social nin á vocación de cambio que ten que ser o motor de cada acción dos partidos progresistas. O demais é propaganda baldeira de contido. O demais é comezar a parecerse perigosamente a tipos como Donald Trump. O demais é renunciar á esencia da esquerda.

Te puede interesar