Opinión

O SMI, o FMI e as sobras para ti

Pois de verdade que non entendo tanto rebumbio e indignación pola postura de Pablo Casado (coñecido como Paul Married cando peregrina por Europa) con respecto á suba do Salario Mínimo Interprofesional. O que está a ser este rapaz, novo adalid do facherío medio rancio, medio nostálxico, é coherente coa súa grisácea forma de pensar. Curiosamente, esta concorda punto por punto coas dos seus clons políticos de Ciudadanos ou Vox e conta co agarimo apaixoado de organizacións “benéficas” coma as asociacións representantes dos grandes empresarios e dos poderes económicos. Por outra parte, é evidente o inmenso tamaño da fenda que separa os intereses destas entidades, máis ben pouco filantrópicas, e os dos obreiros aos que atinxe esta medida.

A suba ata a razoable cifra de 900 euros como base económica digna para calquera traballador non debera encender os odios políticos de ninguén, pero estamos nun momento no que todo vale para facer guerra. Cando os extremismos substitúen á razón e a falla de propostas se muda por berros baldeiros de contido, chegamos a situacións coma esta.
Explico o que penso cun sinxelo exemplo, coido que bo de entender.

No ano 2012, o rescate bancario custou ás arcas públicas a escalofríante cifra de 60.000 millóns de euros. Daquela PP, C´S, CEO ou FMI aplaudiron fervorosamente ata coas orellas e predicaron aos catro ventos que, de non acometerse solidariamente este esforzo, pouco menos que que se aviña a fin dos tempos. Tan só seis anos despois, os mesmos membros desta sopa de letras ultraliberal voltan a anunciar a apocalipse. Pero desta volta porque a decisión de achegar un pouco máis de dignidade económica ás clases máis desfavorecidas da nosa sociedade vai ter un impacto nas contas do Estado de 340 millóns de euros. 60.000 millóns para tapar o desfalco dos bancos está ben, 340 millóns para dar un respiro ás familias está mal. Ese é o criterio.

Se, como digo, a reacción do secretario xeral do Partido Popular non me sorprende, si o fai o feito de que moitos currantes merquen este discurso. Escoitar á xente que malvive con 430 euros dicir que esta suba pode arruinar o país é para chorar, e non da risa precisamente. Bueno, é que moitos deles poidan defender a morte que as deste tipo son as súas opcións políticas á hora de votar xa é de delirium tremens. Hai sociedades que nacen precisando caciques que as dirixan e as sometan. Sempre foi e, de momento, segue sendo. Levar en voandas unha e outra vez ata o poder a quen, xunto con eses poderes sombríos, só te ve coma un limón a exprimer ata a derradeira pinga, ten moito de masoquismo e pouco de sentido común.

Eu propoño a estes “afectados” que o exceso de salario que van percibir o ingresen cada mes nunha conta a nome de Casado para cando haxa que voltar a rescatar bancos ou financiar obras en sedes ou recargar tarxetas escuras. Só son ideas. Seguro que a Christine Lagarde se lle ocorren máis e mellores.

Te puede interesar