Opinión

Pecha a porta que entran negros

Xa está ben! Levo lido e escoitado tantas barbaridades nestes días sobre a cuestión do Aquarius que teño que desafogar nesta cuartilla o que sinto ao respecto. Agardo que ninguén se dea por aludido e se algún o fai, pois, menudo problema ten. Lamento se alguén se ofende pero aínda hai moita xenofobia latente entre nós. Tristemente, segue moi vixente aquelo de “eu non son racista pero…”. Pero que?

Claro. Pode vostede dicir que é teatro que unha nena de 12 anos sinta a necesidade de dar as grazas só por recibir unha aperta ao chegar a porto e quedarse tan ancho. Por suposto que pode vostede sair de misa do domingo impregnado de caridade cristiá e a  metros da igrexa cargarse de razóns para afirmar que en España non hai sitio para esta xentuza que nos veñen quitar non sei o que. O que non lle van quitar a vostede é a conciencia posto que xa non a ten. Pode mesmo permanecer impasible mentres uns poucos amasan fortunas a conta da luz, das estradas, da sanidade, de rescates bancarios e demais, por certo, sacándollos a vostedes do peto. Ah pero iso si, indígnese moito porque ao non deixar morrer no mar a un grupo de homes, mulleres e nenos pode quebrar a nosa economía. Un consello desde o cariño: hágaselo  mirar.

Sabe por que lle digo todo isto? Por unha sinxela razón que vostede parece querer esquecer. Porque son persoas. Son seres humanos con sentimentos. Coma mín. Coma vostede. Arriscan a vida por chegar a Europa porque non lles queda ningunha outra alternativa. Non o fan para fastidialo a vostede, pódollo asegurar. Non o fan por pasar o tempo e coñecer mundo. Nin tan sequera o fan para darlle carnaza a algún infame medio cuxa ética a duras penas vai máis alá das tres primeira letras do alfabeto. Son xente coma o imigrante que, sen pensalo, arriscou  a súa propia vida para salvar a un neno a piques de caer ao baleiro desde un balcón en París. Son persoas que gustan de abrazar aos seus fillos  e buscan para eles unha vida mellor que a que lle poden ofrecer nos seus países de orixe. Bueno, alí, máis ben, non lle poden garantir nin a vida mesma.

Fágolle unha pregunta. Que pensa que tería acontecido se España non acepta ese barco? Deixaríamolos morrer sen máis?  Ata ese punto de degradación moral chegamos? Para falar, obviamente, hai que pedirlle permiso á cabeza pero, ás veces, non está de máis consultar ao corazón. Se queda.

Sinto vergoña do comportamento de Italia. Os seus cidadáns farían ben en revisar fotos de non hai moito tempo na illa de Ellis, a onde chegaban hacinados moitos dos seus antergos fuxindo da fame. Con respecto a Malta, bueno, penso que isto deixaos en moito peor lugar que o famoso 12-1. Lamentable.

Por outra parte, estaría ben ter unha conversa sobre a coherencia deste malchamado Primeiro Mundo. Día tras outro falamos dun grave problema demográfico na nosa provincia. Contamos con milleiros de hectáreas de terra abandonadas pero a ninguén se lle ocurren mecanismos para aproveitar esta coxuntura e, cecais, solventar en certa medida ambas problemáticas.

Non é política, é humanidade.

Te puede interesar