Opinión

Os políticos sodes (case) todos iguais

Hai xa tempo que ando rosmando a idea de darlle unha volta a unha desas máximas da sociedade actual e que, circunstancialmente, hoxe por hoxe, aféctame en primeira persoa; en tanto teño a sorte de poder traballar para o meu concello como representante dun partido político escollido pola veciñanza para gobernar o pobo onde vivo.

Refírome ao axioma tan manido de que “tódolos políticos son iguais”. E veñan bombas! 

Todos ao mesmo saco. Corruptos e intachables, os que cobran 6.000 ao mes e os que non perciben nada polo seu traballo, os que resolven os problemas dos cidadáns e os que llos crean.

Serei, como din, un mentireiro compulsivo corrupto e eu sen sabelo? Estarei aquí porque algo saco e eu, parvo de min, sen decatarme? A resposta coma sempre está nas inefables liñas da omniscencia definidas polo sanedrín universal das redes sociais.

Si, somos todos uns ladróns e a maioría de nós, imbéciles. Non hai moito chegoume unha desas mensaxes virais que rezaba “se a cada un dos 4.000 concelleiros que hai en España lle quitamos 1.000 euros ao mes, quedan 4.000.000 mensuais para o pobo”. Eu fun de inmediato ao meu banco para ver onde andaba semellante capital en 7 anos de concelleiro xa debía de ter un bo cadal.

Pero resulta que non, que o mensaxe recibido era falso. Máis que a clase política polo que vexo. Os ingresos percibidos están bastante lonxe diso, a 4.000.000 millóns de anos luz aproximadamente, por unha dedicación parcial que implica 24 horas ao día porque eso si, un é concelleiro tódolos días do ano. Hai que estar sempre disposto a atender as queixas, demandas ou suxerencias dos veciños. Da igual que sexa domingo, agosto ou as 11 da noite. Sempre de garda.

Non pretendo con estas liñas xustificar nada e moito menos queixarme, evidentemente, estou en política porque me gusta, porque me da a gana e porque lle quero ao meu pobo. Desexo facer o que estea na miña man para que o día de mañá os meus fillos teñan posibilidade de ter un futuro no Carballiño. Se non quedan aquí que sexa por decisión súa e non obrigados polas circunstancias, cada vez máis evidentes, de desertización poboacional da nosa provincia.

O falso mito da corrupción masiva tamén é para darlle unha voltiña, só hai que ollar as estatísticas con obxectividade, menos dun 3 % dos políticos están inmersos nalgunha causa deste tipo e moitos deles despois de ser prexulgados e sometidos a escarnio público, saen absoltos despois de anos de proceso xudicial. Habería que coñecer o dato no gremio dos pintores ou electricistas, por exemplo..

A cuestión que quero propoñer con todo isto é se é bó para unha sociedade abominar dos representantes escollidos por ela mesma. A quen beneficia esta desafección social?

Supoño que haberá moitas respostas posibles pero, mesmo dentro da propia clase política, hai quen lle quita rendemento a este desprestixio. Se son todos iguais e o desencanto é xeral, as persoas que non votan sempre á mesma opción como se fora unha orientación relixiosa, quedan na casa e os que votan sempre o mesmo son os que deciden o futuro das institucións e as persoas que van gobernarnos a todos.

Continuará...

Te puede interesar