Opinión

PSdeG-PSOE, hora de sumar

O de mañá non é un domingo calquera para o socialismo galego. Estamos chamados a escoller en primarias ao noso novo secretario xeral. O gañador recollerá un partido ferido de gravidade, con moito tempo á deriva, rexido por unha xestora provisional pouco transitoria e coa ausencia de comités nacionais convertendo redes e prensa en tribunas de debate para os problemas que se debían resolver na casa. 

Vai atopar un contexto moi complicado, coa marea empurrando para ocupar o noso espazo político natural. Cunha perda de presenza nas institucións que pode ser desastrosa se dentro de 20 meses non chegamos ás municipais recordándolle á cidadanía que somos un partido comprometido, serio e unido que é capaz de parar o barullo interno para escoitar o que pasa fora.

Calquera dos candidatos pode gañar, pero esta vitoria será só o inicio. A verdadeira tarefa comeza aí mesmo, conseguindo non ser engulido polo trunfo nas primarias como lle aconteceu a outros antes. Toca analizar por que Sánchez, Besteiro, Leiceaga ou Barquero por poñer exemplos coñecidos, acadaron bos resultados internos que non se viron refrendados despois nas urnas ao inquirir á cidadanía. Que fai mal esta organización para que o que gaña primarias perda sistematicamente eleccións?

Esta cuestión pode ter múltiples respostas, pero unha das máis lóxicas é que non se pode caer máis no repetido erro de envolverse en vitorias pírricas para partir pola metade o partido e converter aos derrotados en parias a erradicar. Da igual que sexa o 30 que o 49 %. É imprescindible integrar, unir, coser, enlazar e cantos verbos con significado semellante se queiran empregar. Dividir a división xera un cociente sen futuro.

Baste como exemplo a cidade de Ourense, que debera ser o faro da provincia, non hai tanto con alcaldía socialista e hoxe con máis vías que a estación de Atocha. Semella difícil que a cidadanía nos considere opción de goberno se non somos quen de por orde na propia casa. 

Non se trata de ser todos amigos senón de elaborar proxectos conxuntos e cribles e mirar máis alá das ventás das nosas sedes. Gañar primarias está ben pero o obxectivo ten que ser responder ás necesidades dos cidadáns e para iso hai que gañar eleccións.

Te puede interesar