Opinión

Revolucionarioss co cú na butaca

Chegará un día, máis pronto que tarde, no que os ‘haiques’ serán os donos do mundo”. A rimbombante sentenza que saiu cuspida da gorxa do agoreiro retumbou coma un eco xordo nos ouvidos desinteresados dun mundo escéptico, narcotizado e pagado de sí mesmo. “O tipo está tolo”, dicían uns. “Sempre haberá quen faga”, opinaban outros. “Xa se arranxará”, exclamaban moitos. “Pon outra ronda”, berraba a maioría.

Sen embargo, comezou a acontecer. Moi de vagar ao principio. Tal cal un susurro que da pé a unha conversa que se resolve a navalladas. Sen que ninguén se decatase, comezouse a albiscar un escuro e lúgubre futuro onde a revolución era comer hamburguesas vexetais e non ter Facebook pero sí Instagram. Un tempo onde o Che Guevara ou Xesucristo só terían sido alguén de ser youtubers. Ninguén sentía necesidade de preocuparse polas grandes causas. Eses eran problemas doutros.

Os vídeos virais de Whatsapp transmitían mensaxes tranquilizadoras de gatiños, de gatiñas, ou con memes que garantían que todos podían relaxarse nos seus asentos, que xa había por alá arriba quen tomara as medidas oportunas e quen mirara polos intereses xerais. Os que os ollaban, pensaban en diferentes tipos de alturas; unha parte imaxinaba aos ocupantes de despachos ostentosamente amoblados; outros facíano en divinidades comprensivas e condescendentes coa estulticia; e non poucos visualizaban o meteórito que habería de chegar das estrelas para resolver, definitivamente, tódolos problemas da especial especie humana.

E así, sen que ninguén fíxera nada máis que elucubrar e teorizar, a cousa foi a peor. Xa non quedaba quen tentara nada diferente ao establecido. Desapareceron os derradeiros arroutados dispostos a levar ao plano real as barruntadas dos filosófos de taberna. No mundo xa só quedaban millóns de hamburguesados vexetais proferindo unha tras outra frases trufadas de grandilocuencia que comezaban co preceptivo “Hai que...”. “Hai que facer isto”, “Hai que cambiar aqueloutro”, “Hai que...”, pero xa ninguén emprendía nin sombra de acción que arrincara o proceso da execución da idea.

As mensaxes sofronizantes chegadas do alto, a comodidade da butaca e a seguridade de que xa se erguerían outros a protestar contra a inxustiza, apagaron calquer movemento que non fóse o do mando a distancia, o mando da consola ou o mando en praza dos que sempre o tiveron. Chegado ese punto, conformouse unha elite cos máis grandes “haiques” do mundo, case todos eles cuñados entre sí. Un sanedrín de opinadores borrachos de razón e debidamente manipulados para sedar os restos humanos. E xa todo foi quedando como estaba porque os cambios conlevan esforzo e esa verba arrastra con ela unha pereza inaturable.

Os dos pisos altos quedaron tranquilos, comodamente instalados na inacción e na desidia dos veciños de abaixo e coa protección intermedia da capa de cuñados estratéxicamente situados nos programas matutinos de televisión ou como servís políticos de gama media para chuchar a escasa inquedanza que poidera quedar no aneuronismo.

Á fín, o mundo (ou a provincia de Ourense se vostede quere) xa era, ou é, coma sempre quixeran que fose. Un páramo baldeiro de vida intelixente, sen esas incómodas reivindicacións. Remataron bastando un número moi reducido de pastores vixíando dende o castelo erixido derriba dos basamentos da ignorancia e a vagancia dunha masa que deixou de ser crítica para apenas ser.

Te puede interesar