Opinión

Robin Masters

Estou case seguro de que xa non quedan xogos de palabras ou ocorrencias a artellar co termo de moda nas últimas semanas. Que se máster isto, que se máster o outro. Desde ben pequeno, sempre me preguntei quen era o paisano que inventaba os chistes. Quen podía ter o tempo e a habilidade de discorrer chanzas sobre ingleses, franceses e alemáns ou sobre os fenomenais acontecementos da mítica Lepe. A era dos memes trouxo consigo a resposta: calquera. O enxeño e a capacidade de facer broma con todo  e sobre todo da que se fai gala por estes andurriales é, as máis das veces, sinxelamente, xenial. 

Só botei en falla algunha mención ao nome do encabezamento do artigo. Para os máis imberbes e/ou millenials, aclarar que se trata dunha personaxe esencial na trama da televisiva serie dos anos 80 “Magnum”, ou como se pronunciaba na televisión do eterno luar, Meeeeeeeggnuuuuuuummmmm! O individuo en cuestión era un escritor moitomillonario que mantiña en nómina e, cun elevado tren de vida, ao detective protagonista. Durante as oito tempadas nunca se viu fisicamente, igualiño que os famosísimos e espectrais máster de Casado e Montón.

Non creo que fose o único que botou unhas risas repasando as referencias aos Masters do Universo, ao fabuloso “Master of puppets” de Metallica ou incluso coa invención da palabra masterbación. Toneladas de imaxinación en jpg, gif...

E aínda con todo iso, achámonos ante un novo caso no que se pode aplicar o tópico de que a realidade sempre supera á ficción. Tanto a xa ex-ministra como o secretario xeral do PP deron elementos para compoñer unha historia ben absurda. 

En primeiro lugar, non entendo que dúas persoas que teñen afianzada unha traxectoria política sólida e meteórica, con cadeira no Congreso dos Deputados e opcións de medrar no escalafón dos seus respectivos partidos, vendan a súa ánima ao diaño por engadir unha liña máis nos seus currículos

Aínda entendo menos que unha vez descuberto o pastel, teimaran en disfrazar a verdade con edulcorantes de dubidoso sabor. Polo menos, no caso de Montón, imperou o sentido común e presentou a dimisión.

A estratexia de Casado xa é máis confusa pero moi acaída co seu perfil. Insistir moito en que xa amosou publicamente os seus traballos. Ata que algúns comecen a xurar e perxurar que os viron. Todo pode ser, eu sei de xente que segue a afirmar que presenciaron a escena de Ricky Martin saíndo daquel armario do programa das sorpresas.

Son un firme defensor da clase política. Mellor dito, son un acérrimo defensor da política. A ausencia desta, o desprestixio da súa práctica sempre remata mal para a sociedade. Pero non todo vale. Hai tres mulleres na situación de Casado imputadas exactamente polo mesmo, e el, bueno, en fin. Da xustiza falaremos outro día.

A meirande parte da xente que se dedica á política é honesta e traballa duro para que todo funcione mellor pero sempre hai no montón algún vivo que quere aproveitarse da súa condición. Pasa en tódolos gremios.

Te puede interesar