Opinión

O “train” que me leva pola beira do Miño

Teñen transcorrido xa uns longos cincuenta anos dende que don Andrés do Barro Lapique acadaba ser número un en vendas musicais en España cantando en galego as voltas daquel tren que o traía pouco a poco cara á súa Galicia. Áchase gravado a ferro na miña memoria o pegadizo coro pois a súa escoita foi o primeiro achegamento deste fillo de emigrantes en Barcelona á cultura e ao idioma da nosa terra. Pouco lle dou as grazas a miña nai por permitirnos trastear coa súa prezada maleta-tocadiscos e cos seus discos e singles a 45 RPM. Escoitando sair musica daqueles surcos debulléi horas e horas nun mundo no que nin existía a verba “internet”. Bueno, tamén houbo algunha discusión como ben lembrará o meu irmán Alejandro pois eu sempre quería ter no prato esta xoia e él prefería o “Delilah” de Tom Jones.

Para mín, aquelas imaxes que compuña a voz de Do Barro eran un agasallo que facía imaxinar que a lonxana terra de meus pais era un lugar ao que sempre se quería voltar e traía consigo a certeza de querer ser un pouco de alí e un pouco de aquí, a conciencia de que en cada recuncho do mapa hai sons, falas, costumes e filosofías que merecen ser coñecidos e respectados. Lamentablemente, se o xenial e atormentado músico de Ferrolterra cantara hoxe o seu gran éxito descubriría que non hai ninguén agardando por él na estación, iso sendo optimista e dando por feito que quede estación algunha á que dirixirse.

A terra que se baleira, fuxe subida a trens que desaparecen namentres nos despachos cadran os beneficios do que é de todos. Pode ser que algúns tomaran a decisión de que non paga a pena investir no transporte público deses lugares máis pequenos nos que hai poucos votantes pero algúns non estamos pola tarefa de quedar calados.

Fai só uns días, un grupo de pais, nais e estudantes do Carballiño, chegaron ao límite da súa paciencia e fartos das aldraxes de Renfe e ADIF, remataron por botarse á vía para deter a marcha dun tren e protestar así porque non reunía os requisitos mínimos para levar a Santiago aos moitos rapaces que teñen que padecer ese traxecto cada fin de semana para ir á universidade. Que se tivera que chegar a este extremo, é unha mostra máis dos discursos de dobre fondo que xa comezan a fartar aos que vivimos na parte do mapa que foi decretada prescindible polos que manexan os fíos. A ver se se enteran xa de que poñerlle nomes en inglés aos problemas sen facer nada máis, non serve para resolvelos. De feito, eu probei a engadir un anglicismo no encabezado deste artigo e segue a ser igual de ruín ca antes.

Aínda así para os que entenden mellor as cousas na lingua de Shakespeare, vouno dicir cun toque british, “no Carballiño estamos ata os eggs”. Os que teñan dúbidas só teñen que buscar as imaxes da masiva concentración deste domingo pasado na Estación onde berramos ben forte que non somos cidadáns de segunda. Aínda que nos deixaran a escuras, teñen que saber que non imos parar. 

Pódese dicir máis alto pero non máis claro, pódese dicir en inglés pero aínda que sigan a facerse os suecos, entenden ben o galego que o falan para pedir o voto. Non nos van asoballar. O transporte público é unha necesidade é un dereito para todos. Non estamos dispostos a perder este “train”.

Te puede interesar