Opinión

Unha greta no sistema

Áchome a milleiros de anos luz de considerarme un experto nesto tan manido da cuestión climática. De feito,coma para a gran maioría, a miña principal preocupación e saber se me teño que abrigar moito ou pouco para sair de casa. Bueno, e esforzome en separar o lixo por cores aprendidas en Barrio Sésamo.

Sen embargo, nestes días de cumios verdes, levo lido e escoitado a tanta xente pertencente a sectores poderosos especialmente interesada en desprestixiar a unha meniña sueca chamada Greta Thunberg, que, inevitablemente, tiven que pararme nas cousas que dí e que motivan tal inquina.

A rapaza ensalza con discursos e cartéis que, por causa dos vicios da sociedade de consumo da que somos felices escravos, o planeta que compartimos ricos e pobres, vai camiño dun cálido e irreversible armagedón.

Como se as súas afirmacións provocasen unha fenda, unha perigosa greta no discurso oficial mantido polas máis grandes corporacións e os países industrializados, unha morea de “bienpagaos” saíron en manada a dicir dela cousas tan construtivas e necesarias no contexto do debate coma que tiña que estar no colexio ou que é un produto de marketing. 

Cando se empecinan tanto en destruir á portadora da mensaxe pero non son quen de rebatir o que afirma, dá moito que pensar. Non ?

Porque o caso é que non son poucos (millóns) os prestixiados científicos que defenden as mesmas teorías ca Greta pero por razóns de diversa índole, estes non conseguen o grao de atención que é quen de acadar a herdeira natural de Pippi Langstrum.

Aos que moven os fíos do money enfádaos sobremaneira que a xente, sobre todo a xuventude, semelle escoitar os seus chíos de auxilio por un planeta no que ela e os da súa idade teñen que pasar o resto das súas vidas.

Nada mellor para os que teñen moito billete enriba da mesa apostado aos réditos que, indubidablemente, produce a contaminación, ca rirse dela, das súas diferenzas, da súa idade, dos seus xestos...

Quén precisa datos e argumentos cando podes destruir a alguén cuns cantos memes, un chisco de desinformación e tocando as tecras axeitadas?

O negocio é o negocio. Aínda que sexa a costa do futuro das vindeiras xeracións. De todas elas.

Este caso, lembroume ao de Clair Cameron Patterson, o científico que ademáis de ser o primeiro en datar atinadamente a idade da Terra, foi o valente pioneiro que alertou do dano que se estaba a facer ao medioambiente e polo tanto á saúde de tódolos seres vivos polo excesivo emprego do chumbo en combustibles, construccións, etc. As grandes industrias que obtiñan grandes sumas con este envelenamento masivo saíron en tromba a atacalo e a denostalo. Chegaron a pagar informes doutros expertos con poucos escrúpulos para poder seguir co seu negocio a calquer prezo. Durante anos conseguirono pero a perseverancia de Patterson rematou por demostrar que o progreso en forma de chumbo pesaba demasiado na supervivencia futura da especie humana. 

Eu non podo evitar desconfiar cando vexo remexerse e enfadarse aos ricos e poderosos. Só hai unha cousa que os altera, ver tambalearse a súa conta de beneficios e a súa cota de poder.

Te puede interesar