Opinión

A variante do norte perdido

Certo é que cada ano que pasa quedamos menos, pero aínda así somos moitos os que vivimos pola provincia de Ourense adiante e por hache, por be ou por imperativo legal, vémonos na obriga de achegarnos ata a capital bastante acotío.

No caso dos que temos o privilexio de ser do Carballiño (que lle vou facer se estou orgulloso do meu pobo?), esta viaxe acurtouse de xeito moi significativo grazas ás novas infraestruturas construídas nos últimos anos. Concretamente, o tramo de autovía que nos enlaza coa AG-53 e que nos coloca a pouco máis de dez minutos da noutrora Atenas de Galicia.

Explico isto para enmarcar a obviedade  da importancia dunhas boas comunicacións para a supervivencia de calquera punto da xeografía. 
E nisto, Ourense destaca. Negativamente por suposto. Sendo a terceira cidade de toda a comunidade en poboación é a capital peor comunicada con diferencia. 

Por isto, puidera parecer que o normal é que cando se anuncia unha gran inversión para a nosa, historicamente, desprezada e esquecida provincia, todos deberamos bater palmas e arrancarnos cunha muiñeira ou a Panorama, o que cadre mellor. Os axentes socias e económicos, os políticos, os que temos que viaxar alí aínda que non queiramos. Todos.
Sen embargo, esta semana deuse un deses capítulos da nosa propia intrahistoria aos que xa non se sabe como reaccionar. Rir, chorar, fuxir, tódalas opcións á vez…

O desvarío da Variante Norte da cidade ocupou gran cantidade de espazo nos medios de comunicación. Disque nos orzamentos xerais do estado presentados polo goberno de Pedro Sánchez non aparece a partida que si existía nos anteriores para a súa construción. 
Falamos dun proxecto do que se ven falando desde que o presidente era bolseiro e Vox só un dicionario. Vinte anos non é nada ou moito, segundo a quen se lle pregunte. Iso si, como arma de arremeter nestes últimos días tivo unha gran presencia.

Por unha banda, os do PP quen presumen de que eles si a contemplaban nos seus orzamentos pero que non moveron un só papel para a súa adxudicación e din que é unha afronta a Ourense. Pode ser. Din os do goberno que aínda sen partida, se vai a adxudicar de tódolos xeitos. Din dende o partido dos da gaivota que iso é legalmente imposible. Din os que mandan agora que si, que xa o verás. Case que lles falta só un clásico “veña, sal para fóra”, “Isto arranxámolo cunhas labazadas”. 

Moi construtivo todo e un eficaz acelerante para o proceso de desconexión da cidadanía coa súa clase política. E despois preguntámonos porque a xente vota co fígado.

A ver, isto é moi sinxelo. A ecuación é boa de resolver, ou se pode ou non se pode. Quedan  11 meses do ano 2019, se nese prazo a obra foi licitada, os señores do populares deberán retractarse e recoñecer o seu erro. 

E se a 1 de xaneiro de 2020 non hai licitación feita, e ante a vehemencia dos argumentos, alguén do goberno deberá asumir responsabilidades. Punto.
O desta variante sería un bo punto de partida para que varíe a tónica xeral e cesen os desvaríos.
Claro que se acontece algo distinto, se se comezan a poñer escusas dun lado, doutro ou dos dous, a xente na rúa seguirá a facer acumulación de argumentos sólidos para que cada vez que un político abra a boca, a definición “falabarato” saia a relucir con forza.

Te puede interesar