Opinión

Voume dar á bebida na Tabarnia

Empregar o sentido do humor como ferramenta ante a adversidade é máis vello que o peiteado de Camilo Sesto. Iso sí, en España, hai xa tempo que elevamos esa habilidade á categoría de arte. Non hai crise que non poidamos chancear nin drama que non remate en chascarrillo. Somos un país de cachondos mentais sen arranxo.

O último capítulo na inesgotable historia da virtude hispana para reducir ao absurdo todo o que nos arrodea, estámola a vivir nestes días e ten por nome Tabarnia. Cun punto de partida baseado no feito de que Tarragona e Barcelona teñen un grao moi inferior de apoio á causa independentista que as outras provincias catalanas, plantexan unha escisión dentro da hipotética escisión. Nesa terra prometida da que ninguén oira falar hai só 3 meses, atoparon a resposta ás súas pregarias os máis acérrimos defensores do anticatalanismo. Cunha fe inquebrantable iniciaron un éxodo surrealista hacia ese lugar que non aparece en ningún mapa. Habería que debater se se pode crear unha nazón nun laboratorio pero esa disertación queda para outro día.

O caso é que, “sorprendentemente”, medios de comunicación de toda España comezan a darlle a esta astracanada unha atención nivel mundial de fútbol. O primeiro en saír a escea foi un tal Jaume (pronúnciese Llauma) Vives (e que ben vives que diría o mestre F. Ibañez) quen abanderou a idea coa intención de ridiculizar ao movemento independentista do que é inimigo declarado e, de súpeto, estaba a chupar máis cámara que María Lapiedra.

 Este home, con pensamentos tan profundos vomitados nas redes como “El Islam y la Ideología de Género son el principal instrumento de Satán en nuestro tiempo”, comezou a xirar por toda a xeografía dando charlas explicando o invento co apoio de constantes aparicións televisivas. “Ha nacido una estrella”. Pero aos patrocinadores da iniciativa tabarnesa debeulles parecer que non era suficientemente gracioso e acordaron que un bo país-probeta que se prece ten que ter un presidente.

Empregaron o método “1936” e sen preguntar aos tabarneses nomearon primeiro dos mesmos a Albert Boadella. Gila e Berlanga estarían orgullosos. O cómico catalán pouco amigo da estelada, decidiu seguir a estela doutro compañeiro de gremio que nos 80 protagonizara un mítico programa de televisión, “Si yo fuera presidente”. Fiel á súa traxectoria de moinante provocador decidiu aceptar o reto e converter este escenario no da súa nova bufonada. Boadella, moi coñecido polas súas polémicas montaxes teatrais co grupo Els Joglars, estivo desde sempre en loita humorística contra as maiorías e o poder establecido. Chegou mesmo a ser obxecto dun consello de guerra nos derradeiros anos do pequeno do Ferrol por unha das súas obras. A súa traxectoria política dos últimos anos semella unha montaña rusa, PSC, UPyD e Ciudadanos figuran no seu currículo.

Saben? Eu quero subirme a ese carro. Ten que ser o efecto de levar un anaco xa na miña “tabarnia” favorita pero ansío que o goberno español pareza o anuncio dunha empresa de embutidos. A miña proposta é cambiar a Arévalo por Rajoy, a Leo Harlem por Méndez de Vigo, a Soraya por Ana Morgade e incorporar a tódolos chanantes aos diferentes ministerios. Non arranxaremos nada pero ímonos fartar de rir. 

Te puede interesar