Opinión

40 anos de Estatuto

Hai corenta anos, eramos todos corenta anos máis novos e moitos inda non naceran. Os famosos “corenta anos” do franquismo foron logo superados polo tempo en vigor do noso Estatuto. E os axentes políticos -e culturais- que levan desde os inicios da democracia e autonomía, pois tal. 

E si. Levamos 40 anos de Estatuto. Un Estatuto que chegou con bastante consenso social, agás o nacionalismo dominante, que se opuxera co máximo empeño ao proceso autonómico con lemas como “Estatuto nunca máis, Bases Constitucionais”, sendo estas últimas un asunto de máximos, cando o nacionalismo non saía de mínimos.

Arestora, agás Vox, todos valoran positivamente o desenvolvemento do estado das autonomías aínda que todos, cada un ao seu xeito, o ven moi perfectible. Que o é. Este Estatuto, como saben, chegou a nós pola vía rápida -vía artigo 151 en vez de artigo 147- porque xa na malfadada II República fora aprobado en votación popular un estatuto, aínda que, por esas cousas da guerra, nunca se puxo en vigor. 

E na tramitación do Estatuto galego, hai 40 anos, todo foron matices. Uns querían turrar por máis autonomía para Galicia -lembremos o esforzo de Camilo Nogueira co Estatuto dos 16, ou de Paco Vázquez no seu trato cos do PSOE madrileño- outros quería “frear” co caso galego o resto da fervenza reivindicadora. E algo semellante xa pasara na II República.

Nos impulsores iniciais daquela república dominaba certa vontade centralista. Así que en vez de definila federal ou usaren a bandeira da primeira -a de hoxe, cun escudo diferente- decidiron incluírlle a cor morada para, explicitamente, deixar constancia da preeminencia de Castela na construción de España-; e da federal, nin falar: fora un caos. Os cataláns, a río revolto, proclamaron á súa vez a súa república o mesmo 14 de abril, e para evitar choques de trens, acabou habendo tamén unha “Generalitat” provisional, coa que houbo múltiples roces. Pola súa banda, os vascos presentaron en setembro de 1931 un proxecto no que se falaba, incluso, de Estado Vasco confesional católico e sen dereitos políticos para os que levasen residindo menos de 10 anos alí: foi rexeitado e intensificouse o clima antiautonomista da esquerda española. Os galeguistas, sen partido aínda constituído e con tres deputados -sobre 48- obtidos en candidaturas unitarias, tentaron promover o Estatuto en Galicia desde os inicios da República, coa oposición feroz da esquerda local. Ourense, onde existía un semanario galeguista, El Heraldo de Galicia, dirixido por Ricardo Outeiriño e con Florentino Cuevillas e Vicente Risco no Consello de Dirección, ve nacer o xornal socialista La Lucha, que terá como un dos obxectivos primeiros atacar ao anterior, cualificando de “exabrupto galego” o Estatuto e atacando persoalmente a Otero e Cuevillas principalmente.

Pero a política, como sabemos, dá moitas voltas e as esquerdas cambian a medida que precisan das forzas autonomistas para a gobernanza dun país desbocado. Incluso o PG acabouse integrando na Fronte Popular en febreiro de 1936 para sacar o Estatuto adiante. 

En fin, a esquerda española na Transición, onde había xente que vivira ou sabía da historia, non só non se opuxo á formación do estado das autonomías, que era inevitable, senón que participou desde un primeiro momento na súa organización e xestión, o que trouxo un período de calma, estabilidade e achegamento da realidade administrativa ao cidadán, que sería bo, que continuase. 

Te puede interesar