Opinión

50 anos dun recital

O día 9 de maio de 1967, no Estadio da Residencia, a Universidade de Santiago vive un dos momentos álxidos na toma de conciencia antifranquista. Asistiron, din as fontes, uns tres mil estudantes ao evento. Daquela, a universidade europea, e con máis motivo a española, comezaba a ferver -logo chegaría o mítico 68-, entre as modernidades das novas formas de vivir, relacionarse e pensar. Entre a Coca-Cola, os guateques e o marxismo. 

E neste ano ten o seu protagonismo Carlos Casares. Boto man do estudo do amigo Xosé Ramón Quintana publicado no último dos cadernos do Grial para lembrar eses sucedidos. Casares participaba daquela na Asociación Democrática de Estudantes, un plural grupo de contestación ao oficialista Sindicato Español Universitario, que chegou a dominar de facto a representación estudantil nas facultades a través da Asociación de Estudiantes de Santiago. 

O día 18 de xaneiro organizaran unha charla no Burgo das Nacións -construído tres anos antes para acolleren os peregrinos do ano santo 1965- na que o profesor José Luis Aranguren ía falar despois de ser presentado por Carlos Casares. Aranguren era unha voz coñecida e prestixiosa da oposición; fórase distanciado do franquismo -como Dionisio Ridruejo, Gonzalo Torrente Ballester ou Pedro Laín Entralgo- e fora expulsado da universidade en 1965. O caso é que a conferencia rematou antes de empezar pois presentador e conferenciante foron trasladados a comisaría. Só pasou a noite alí Casares, pois Aranguren foi liberado ao pouco pola intervención de García Sabell, quen seica impediu tamén que lle zoscasen a Carlos. O suceso foi sobre todo un susto de morte.

Estes mesmos estudantes organizaron para o día 9 de maio un concerto do cantante que se proxectaba como a voz da oposición á ditadura desde a periferia, integrante da Nova Cançó, Raimon. O valenciano viña de gravar en directo o elepé “Raimon al Palau” e estaba no primeiro pulo da súa carreira. Nin sequera fora aínda o mítico recital da Univesidade de Madrid. Pois ben, para o acto, Casares e Salvador García-Bodaño prepararon un folletiño co texto das vinte cancións que ían ser interpretadas na versión orixinal catalá e na súa tradución ao galego. Editado polo “Departamento de Actividades Culturales de la Asociación de Estudiantes de Santiago” ten depósito legal e todo. Entre as cancións, a mítica “Al vent” (Ó vento,/ a cara ó vento,/ o corazón ó vento,/as mans ó vento,/ os ollos ó vento,/ ó vento do mundo./ E todos,/ todos cheos de noite,/ buscando a luz,/ buscando a paz,/ buscando a Deus/ ó vento do mundo./ A vida dános mágoas,/ xa o nacer é un gran pranto./ A vida pode ser ise pranto,/ pero nós/ ó vento...”.

En fin, lembro como uns ultras madrileños lle berraron a Raimon o 10 de setembro de 1997 nas Ventas, nunha homenaxe a Miguel Ángel Blanco, por cantar en catalán. Pero tamén recibiu o seu de extremistas cataláns por manifestarse en 2014 escéptico coa independencia. Igual que Carlos cando o gobernador franquista no 1969 non permitiu que renovase en Viana e cando en 1988 lle berraron no Pazo de Moldes uns ignorantiños “da terra”. Leña por un lado e por outro. Vergoñas paralelas. Estaban ambos, seguramente, no certo.

Te puede interesar