Opinión

A culpa é do neolítico

Si. Creo que a maioría dos nosos problemas veñen do neolítico. Os ecolóxicos, sen dúbida; os sociais, tamén. Deámoslle un repasiño á evolución: O ser humano é un simio carroñeiro e adaptativo. Tanto lle tiña  aos antepasados cazar un coello coma comer unhas lapas ou mexillóns de roca, apañar unhas castañas como escorrentar cun pau ás hienas e comer o resto do festín do león. Logo espabilou algo e deu en cazar cousas serias, tipo mamut, actuando coma os lobos ou leóns, en  grupo. Pero, teñámolo claro, descendemos do peor daquelas xentes. Non, desde logo, do solidario sentimental que morría de fame por darllo á velliña da súa especie, senón somos fillos daqueloutro canalla que levaba a vella a morrer ó monte e da ladroa que lle ripaba a comida a outros na cova cando miraban para os biosbardos e que, se cadra, en épocas de fame, comía aos fillos. Ben, se cadra pásome: pode que fosen os sobriños. Pero algo diso hai. Moitas veces os que sobreviven e triunfan, sen axuda do humanismo que acompaña a determinada evolución, son os máis ruíns; a ollos de hoxe. Na tan celebrada primeira volta ao mundo Magallanes decepoulle o pescozo, alá polas Filipinas, a un díscolo capitán da súa frota (Juan de Cartagena) e a outro, peor parado, Luís de Mendoza, despezouno en cachos para dar exemplo de que as súas ordes non se discutían. Hoxe espantámonos, pero daquela, menos.  

E dígolles que os problemas empezan no Neolítico pois ata aquel momento eramos unha especie acochada nuns poucos lugares do planeta, cun comportamento normal de depredador natural de plantas e animais. A muller, máis recolectora e o home, máis cazador por razóns biolóxicas de forza. Din os investigadores que neses tempos antes do neolítico, ao redor do ano 10.000 a.C. p. ex., a poboación mundial non chegaba ao millón de habitantes. E daquela veu un espabilado nugallau, e tivo a idea de en vez de saír a cazar era mellor atar aos animais e ter a carne ó pé da casa; e en vez de andar apañando plantas, domesticar algunhas especies vexetais, arrasar as naturais dos arredores e substituílas polas que a el lle petase, e gardar o gran dun ano para outro. E alí, naquel arestora ermo deserto que chamamos Iraq, outrora verxel bíblico, empeza a complicación neolítica: o dominio, a propiedade da terra, das ferramentas, a xestión do traballo, o control da produción e dos recursos xerados, a acumulación do poder, a pelexa por el, a complicación  da organización social, a creación da escrita e dos exércitos, a idea de conquista territorial, da expansión a outros espazos, a complicación das relixións, da ciencia e da técnica... 

E fixémonos especie invasora que colonizou ata o último recuncho do planeta, adaptándonos pero modificando a antiga natureza virxe. E a poboación mundial disparouse e o enredo social, económico, cultural, vivencial, e de todo tipo, tamén, pero cuns sentimentos inmutables, inherentes ao ser humano: a alegría, a tristura, o amor, o odio, o medo, a traizón, lealdade. En fin, tamén, desde hai unha nadiña evolutiva, moi poucas décadas, temos, por sorte, outra complicación máis: decidir, entre todos, quen manda no colectivo, sexa tribo-cidade ou incluso continente do que só coñecemos un cachiño. En fin, se teñen dúbidas ao votar, bótenlle culpas a quen inventou o neolítico. Para ben e para mal, de aí vén todo.

Te puede interesar