Opinión

A perigosa pinza

Que o mundo anda avolto é algo que todos, máis ou menos, cremos. A verdade é que as cousas boas e as ruíns ensaríllanse hoxe como fixeron sempre. Na centuria pasada, a nivel mundo, podemos contar desgrazas horrorosas: dúas guerras mundiais, ducias locais, incluídas España, Corea e Vietnam, con millóns de mortos sempre; longas ditaduras de variopinto signo; varios xenocidios con millóns de mortos, desde o dos xudeus ata o dos hutus... Pero tamén vivimos avances marabillosos: extensión da saúde e da lonxevidade, o xurdimento da sociedade civil organizada en forma de ONG, espectaculares avances comunicativos e tecnolóxicos, coches, radio, televisión, chegada á Lúa, internet...

E con esta combinación do ben e do mar entrelazados poderiamos pensar que o mundo de hoxe non se diferencia moito do doutras épocas. Pero si. Hoxe existe a posibilidade real de que o mal, en intervención dos seres humanos sobre o planeta, conduza a curto prazo a que a nosa civilización pase por gravísimos problemas ou mesmo á desaparición da vida sobre o planeta. Nunca antes houbo tanto poder, tanta enerxía concentrada nin tanta posibilidade de influír de forma decisiva nas opinións e mentalidades de centos de millóns de persoas de forma instantánea. Non parece tranquilizador. E se non é fácil ser optimista nos asuntos internos de España, xeoestratéxicamente, menos. Por que? Pode que nesta fase de planetaria sexamos un punto de ignición. Voume intentar explicar. Sabemos que nas dúas potencias máis importantes gobernan arestora dous antieuropeístas militantes. Por unha parte Donald Trump -en ameaza e guerra comercial con todo o que non sexa o seu embigo e favorecendo, incluso, o brexit- e doutra o zar Putin. O ruso sabe de vello como se fan estas cousas: eliminación, sen escrúpulos, da disidencia; fomento por todos os métodos do máximo o orgullo patrio; influencia nos procesos internos doutros países para favorecer os seus intereses, e adestramento do músculo militar. Irradia a idea de que humillaron aos rusos eliminando a súa influencia sobre os países do Báltico, do leste de Europa, disgregando a vella Iugoeslavia, a vella Checoslovaquia, en Kosovo -todo de novo na órbita europea occidental- e incluso, favorecendo o colapso do seu vello imperio zarista-soviético. Pero Putin afianzou a iniciativa interna coa vitoria na guerra de Chechenia e coa anexión de Crimea e a externa coa vitoria sobre os islamitas de Siria. Agora, todo indica que fronte aos occidentalistas ucraínos que portan bandeiras azuis estreladas, trata de devolverlle o golpe a unha Unión Europa aínda símbolo de liberdades e progreso.

Contento co medre dos movementos que cuestionan as forzas políticas tradicionais de occidente, as que cohesionadas cos seus pobos sobreviviron á Alemaña nazi e a URSS soviética; tanto lle ten que se chamen Le Pen, Salvi, Vox, Podemos, Syriza ou Amanecer Dourado. Pero aínda se lle presentan como máis útiles para a desestabilización, as que promoven a ruptura dos estados tradicionais. E dentro destes, o caso escocés é menos interesante que o español, pois o Reino Unido é un país moi forte e con moitos valedores. Entrementres, o país máis rico en diversidade do sur de Europa, o noso, é tamén o que máis desafectos internos e distancias externas suscita. Ou sexa o máis fácil de incendiar. 

Te puede interesar