Opinión

A reforma do Posío

O Ourense medieval tiña dous extensos campos comunais a norte e sur, o San Lázaro e o Posío. Ambos aparecen na documentación desde o século XIII e ambos viron reducidas as súas dimensións a medida que a urbe medrou en extensión e se fixeron edificios a custa dos espazos públicos. No Posío, no campo do Posío, había unha capela que durou, coas súas reformas, desde o século XV a mediados do XIX en que foi derrubada para abriren o que hoxe sería a rúa do Progreso. Dela conservamos a imaxe que está na Burga, no muro das xosefinas, trasladada alí desde a Trindade onde estaba acollida, en 1926, para substituír a unha que destruíu un raio dous anos antes, e que tiña orixe nunha tráxica lenda dunha xudía veciña conversa por amor.

Pero imos co Posío. O caso é que desde pouco antes de mediados do XIX os departamentos de ciencias do Instituto –daquela radicado aínda no edificio que compartía co Seminario Conciliar de San Fernando, na actual rúa de Lamas Carvajal- comezou a construír o seu “Xardín botánico” onde facían prácticas os alumnos e onde chegaron a plantar 200 especies en colaboración co Botánico madrileño. En 1860 don José Maria Valencia e don Fausto Mares regalan un terreo para construír un instituto novo e cedéronlle ao Concello os terreos para abriren a rúa que con el comunica, a Padre Feijoo. O instituto tardará en inaugurarse ata 1892, pero o Xardín xa ía collendo a súa fisonomía de xardín románico tradicional, con tres niveis, paseos de palmeiras, estanque, etc. Foi un lugar de paseo señorial, decorado cunha fonte desamortizada de Oseira –logo trasladada-, e un pobre busto de Lamas Carvajal no seu lugar preferido –na parte superior- e que logo foi substituído polo conxunto escultórico de Asorey, inaugurado no San Martiño de 1949, na esquina oposta de abaixo a onde hoxe está. Logo veu desde o Parque de San Lázaro o busto, tamén de Asorey, de Xavier Prado Lameiro nos inicios dos sesenta. O Xardín foi lugar tan amado polos cidadáns que mesmo houbo un par de revistas que levaron o seu nome: “Posío”. E foi lugar iniciático de bailes e amoríos, nos Festivais do Miño, tamén entre os sesenta e setenta. 

Pero foi un lugar bastante maltratado. Ao intensificarse o medre burgués da cidade no norte –ao redor do San Lázaro-, o Posío perdeu centralidade e atención pública, e calquera ocorrencia valía. Un túnel desde a escola de Irmáns Villar! E menos mal que os veciños pararon in extremis o intento municipal de retranquear a parte superior para facer prazas de aparcamento. En fin, o antigo lugar romántico de sombras e recollemento pasou a ser un solarium central de pedra que exerce de pista de patinetes e bicicletas, con celebración de eventos que rompen mesmo os enlousados de pedra. En realidade, eu non lles sei ben o que habería que facer, só sei que a súa realidade actual non me convence. Cómpre calma, sensibilidade e sentido da historia para facer unha actuación que o devolva aos nosos corazóns. Miro a futura intervención, claro, cunha mestura de temor e esperanza. Esperanza de que o fagan ben pero temor porque as actuacións, normalmente, non foron para ben. Eu, se cadra, volvería o máis posible ao principio: un refuxio verde no medio da cidade: árbores, sombras, paseo, repouso... Un luxo ao alcance da man. 

Te puede interesar