Opinión

Aceptando o convite

Pedía o vicepresidente Iglesias que os tanguesen para que non saísen do rego e non sei se llo dicía só ós seus votantes ou a todo o mundo. En calquera caso, como non debe haber cidadáns con distintos dereitos, acepto o convite.

Paréceme ben a mocidade nos cargos políticos. Por suposto. Nada máis rexuvenecedor que tratar con xente nova. Por iso non teño nada en contra de que unha persoa de 31 anos, como Irene Montero, asuma o cargo de ministra. Pero a idade, igual que o xénero, son cuestións secundarias respecto a principal: a capacidade de xestión. E esta capacidade non é unha innata ciencia infusa que terían algunhas persoas -a non ser que teñamos unha fe nelas máxico-relixioso- senón que vén da combinación de capacidade analítica, coñecementos e experiencia humana e laboral. Provocando: Franco, xeneral con 33 anos, en 1926, levaba dez combatendo na guerra de África. O cabrón tiña experiencia militar e sabía do tema. 

E moito me temo que a peronista ascensión de Irene ao posto de ministra non se deba a coñecemento e experiencia senón a outras cousas máis simples: apetecíalle e estaba “ben situada”. Se vostede me di que non, que sería ministra en calquera caso, calo; considéreme un mal pensado -é a súa liberdade de pensamento sobre a miña- e non llo tomo a mal. Pero se ten dúbidas, ou se cre que o feito está relacionado coas ocupacións do home, pois resultarían que estamos botando pola borda os principios de mérito, preparación e capacidade que coñecemos. E leo o seu currículo e é claro: ningún traballo serio entre os estudos e ser ministra. Incluso airea sacrificios excesivos polo ben da humanidade. Seica deixou a tese de doutoramento e unha bolsa para Harvard para ingresar na política activa desde a Plataforma de Afectados polas Hipotecas. Cambiar o boi polos cornos, din. Axiña dirixiu o gabinete de Iglesias (2014) tempo en que este era parella de Tania Sánchez, actual deputada na Asemblea de Madrid polos de Iñigo Errejón. Como a vida mesma.

E se quería contentar a parroquia e desacougar a outros coa súa utilización enfática do feminino como plural inclusivo no xuramento como integrante do “Consello de Ministras”, en min, logrouno. Preocupado estou. Vamos ver. Un pode denominar un grupo político como queira. Nada en contrario de que o seu se chame “Hunidas Podemos” e que defendan de que Hunidas ten máis entidade que “unidas”, como “huevo” ten máis entidade que o “uevo” sen o h antietimolóxico e que todos deberiamos o deberiamos de escribir coma eles. Perfecto. Ora ben, deben esas persoas ser coñecedoras, como os demais, de que hai xente que sabe máis duns temas ca outra. E con modestia intelectual, debemos abrirnos, respectuosamente, aos coñecementos alleos. Os médicos saben de medicina; os arquitectos, de arquitectura; e os lingüistas, de lingua. E se a RAE di que “unidas”, de momento é sen hache, é obriga dos integrantes do Goberno respectar o coñecemento e maxisterio da RAE. A non ser que pretendan lexislar na ortografía ou gramática desde Moncloa. E igual se indican que non é posible, conveniente nin útil utilizar o feminino como xenérico. A palabra ministros, tradicionalmente inclúe ás ministras; pero alguén quere enfatizar a presenza feminina, pode, desde logo, usar ambos, “ministros e ministras”, mais en caso ningún usar o feminino como xenérico. Os partidos poden facer experimentos con gaseosa, pero na acción institucional e de goberno deben ser xente de lei. E punto. 

Te puede interesar