Opinión

Acisclo, Xunqueira e Euxenia, exiptóloga

Un dos lugares máis visitados nas viaxes de día desde Dublín é o mosteiro de Glendalough  no condado de Wicklow, ao pé dun laguiño, a trinta ou corenta quilómetros da capital. Téñeno fermosísimo, supercoidado, tanto a torre redonda como a ruda e vella igrexa románica de liñas simples e teito de pedra ou os paseos ao pé do lago. Milleiros de turistas chegan todos os anos e fan unha excursión pracenteira e agradable. Pero, perdóenme, é pouca cousa. O que pasa é que nos países como Irlanda onde hai poucos restos -a illa era ben pobre e estaba nas marxes da civilización- mímanos e enxálzanos como importantísimos. Enlazan, perfectamente, historia, cultura e turismo e aprovéitanse dos milleiros de norteamericanos que queren visitar a terra dos maiores, dos estudantes de inglés naquelas amables terras, e dos viaxeiros das estremas do occidente europeo. En fin, nós temos o listón demasiado alto á hora de viaxar e sorprendernos, tanto por paisaxes como por historia.

Lembraba isto o outro día na inauguración da pequena restrospectiva persoal -as pezas, os barros, son todas da súa colección particular- de Acisclo Manzano e que se amosa no Claustro do Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, ó pé dos montes do Rodicio, nun lugar que, xenerosamente, podemos considerar tamén Ribeira Sacra, aínda que as augas escorran para Niñodeaguia e Maceda, para o Arnoia. Por iso eu creo que hai que complementar a Ribeira Sacra con outra, a Ribeira do Arnoia, e  que siga o río e tributarios, por Maceda, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambia, Allariz, Santa Mariña de Augas Santas, San Pedro da Mezquita, o Freixo, Ramirás, Celanova... e que combine arte medieval e pontes históricas, pero ese é outro tema. O caso é que a idea de casar arte medieval e contemporánea é excelente. E se na inauguración soan as marabillosas voces das Xunquereteiras, as cantareiras da Asociación Cultural “Os Xuncos”, pois moito mellor.

Esta exposición “Camiñando pola Ribeira Sacra” é a primeira dunha serie que tratará de converter en singular escaparate artístico cultural da Ribeira esta súa  “xoia oculta”, e debe crear sinerxias de visitas para facer gozar dunha das marabillas artítisticas que temos. Despois das fotos das pailanadas turísticas no cume do Everest, despois dos agobios de verán dos Sanxenxos de turno, despois da fuxidas barateiras -en cartos e retornos- froito da globalización de Ryanair, é hora, seguramente, de volver “arredor de nós” e valorar e gozar do que temos na casa. Seguramente hai tempo que non visitan o mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, agora teñen unha boa desculpa: Acisclo, o románico e a natureza. A visita, a vinte e cinco quilómetros da cidade é un privilexio.

Como privilexio é, para estas terras, contar como dinamizadora cultural con Euxenia Muñoz, alma mater desta e doutras iniciativas de posta en valor do patrimonio de Xunqueira de Espadanedo desde a súa formación como xestora cultural. E ademais é exiptóloga. Foi unha delicia encontrala alí. Ex-alumna dos meus anos da Laboral, xa daquela dicía que quería ser exiptóloga, e eu dicíalle que se quería, podía. E chamáballe “exiptóloga” como ela ben me lembrou. Agora éo pola universidade de Lovaina. Pero moito mellor que estea entre nós, insuflándolle nova vida ó mosteiro, e que deixe ao risquiano doutor Alveiros seguilo intentando coa momia de Tutankamon.

Te puede interesar