Opinión

Acrópole cultural

Sen sabelo, cando o bispo Pedro Yanez de Novoa, en 1294, prendeu lume ao convento de San Francisco, sito daquela na parte leste da actual Praza do Correxedor, por se teren refuxiado alí xentes do Concello,  estaba posibilitando a formación dunha acrópole cultural por riba da cidade, sete séculos despois.  A decisión do Papa Clemente V en 1308 de obrigar a familia do bispo a ergueren un convento e igrexa para os franciscanos fóra da cidade, fixo que a carón do claustro, aínda hoxe in situ, se asentase o novo centro relixioso. E como logo da desamortización de Mendizabal, 1832, esas amplas propiedades pasaron a dominio público, pois abríronse posiblidades. Daquela, no XIX, na parte máis “rural”, fíxose o cemiterio e a na outra instalouse o Cuartel, en activo ata 1984. Ben. E desde a desaparición do mesmo, os seus espazos foron dedicados a novos usos. A inauguración onte da Biblioteca, é un novo paso nese construír, sen moita planificación, un polo cultural.  Si. Existen barrios-función. Hai unha zona pública (Residencia, Hospital...); outra educativa (Universidade, Escola de Idiomas, Conservatorio, Institutos, CPI...); outras pequenas zonas industriais (Coiñal, Quintela, Seixalbo...), etc. e agora consolídase unha zona cultural que pola súa posición podíamos chamar “Acrópole Cultural San Francisco”, (AC-SF). Hoxe aí están: a) Un cemiterio declarado BIC con recursos musealizables turisticamente de arte e memoria de personaxes; b) Unha Escola Municipal das Artes Escénicas e Música, con eficaz labor docente; c) Un Auditorio Municipal, referente de grandes e pequenas actuacións; d) Unha Biblioteca Pública, cun magnífico edificio de estrea e) O espazo da “Escolma de Escultura”, síntese do "Museo Arqueolóxico Provincial" e f) O Arquivo Histórico Provincial, obra rematada e que será aberta, despois do traslado en tres ou catro meses. E non esquezamos, claro, o Botánico de Montealegre, máis arriba e de grandísimo interese natural, paisaxístico, ou sexa cultural.

Esta AC-SF atrae xa, coa sinerxia producida por estes elementos, a ollada da cidade.  E creo, que deberiamos pensar no seu futuro, agora que estamos de celebración. Cando rematen as obras do Arqueolóxico, seguiremos sen un espazo de arte, pois, non o esquezamos, a reforma do edificio da Praza Maior só se fai para os fondos de arqueoloxía e historia. Parece, e insisto, en que é momento para pensar no enriquecemento desa Acrópole Cultural coa presenza dun Museo de Belas Artes de Ourense, orixinable pola confluencia das obras artísticas  do Museo Arqueolóxico cos fondos do Concello, Deputación e as coleccións de Fundacións e particulares e que se sumasen. 

Pensemos que xa temos libres os espazos do antigo Fogar do Peregrino -trasladados á esquina da rúa da Burga-, o da Igrexa de San Francisco, restaurado sen proxecto definido, e nese futuro non tan lonxano, o espazo da actual a Escolma do Museo. Entre estes espazos e algúns outros volumes que se puidesen abrir -sen detrimento dos asignados ás outras equipacións da Acrópole- pecharíase a tradicional tríade de Arquivos, Bibliotecas e Museos, xuntos como foco de atracción-irradición cultural. 

Por certo, que pouco o oín onte, felicitacións á dirección  e traballadores da Biblioteca polo esforzo realizado nunha mudanza que imaxinamos laboriosísima. Boas Festas.

Te puede interesar