Opinión

O aeroporto de Bragança e a autovía Celanova-Ponte da barca

O AEROPORTO DE BRAGANÇA E A AUTOVÍA CELANOVA-PONTE DA BARCA

Hai unha chea de razóns polas que admiro aos portugueses: o seren cerimoniosos e amables, non dobraren as películas, a súa facilidade para as linguas estranxeiras, os supermercados Pingo Doce, o coidado conque terman do patrimonio cultural, o bacalhau á broa, o arroz de mariscos, o ben que gastaron os cartos europeos na renovación das estradas que xa nos fan esquecer aqueles tempo en que eran de adoquíns e ían traquelexando os cooocheeees... E, por suposto, admiro a sabedoría de que só teren tres aeroportos: un para o Norte, "o noso", o do Porto; outro para o do centro, Lisboa; e o terceiro, para o sur, a zona turística do Algarve, en Faro. Tres. Como en Galicia. Pero, claro, nós temos uns 29.574 quilómetros cadrados e 2,7 millóns de habitantes, e Portugal continental, é case exactamente o triplo, 89.015 quilómetros cadrados e 9,8 millóns de habitantes. Ou sexa, dalgún xeito podemos dicir que temos tres veces máis aeroportos ca eles onde (mal)gastar cartos. 

O outro día cando vin esa difusa nova sobre a reivindicación dun aeroporto para o interior do norte lusitano, sorrín, pois creo que co bo sentido que os caracteriza, hai tantas probabilidades de que se faga un con conexións internacionais en Bragança como que se constrúa unha base de submarinos do Pacto de Varsovia en Lobios. En calquera caso, o tema suscitado da facilidade de conexión entre as dúas partes da raia para o aproveitamento conxunto das infraestruturas é sedutor e conta coa simpatía de todos os que con asiduidade cruzamos a raia de aquí para alá, ou de alá para aquí. Que "tanto faz".

Inda non hai un mes que lles falaba de que Ourense tiña a fronteira terrestre máis extensa de España -219 km- e que tiñamos dezasete pasos -e pasiños- asfaltados, pero só un deles, o de Verín, a través de autovía. E efectivamente, sería moi bo facermos un par de interconexións entre as estradas rápidas de ambos países. Unha, a de que se fala estes días, desde Viñais (e Braganza, que ten 35.000 habitantes, por certo) á autovía A-52 Madrid-Vigo, á altura, aproximada de Vilavella para achegárense, tamén, con facilidade á conexión do AVE na Gudiña. Á comarca das Frieiras e o sueste de Ourense víñalle ben, desde logo; e ao recuncho superior dereito de Portugal, inda mellor. Pero hai outra conexión para nós aínda máis interesante a pesar de que ninguén teña falado dela: pensemos en completar a conexión desde Celanova a Ponte de Barca e Ponte de Lima e así empatar coa rede de autoestradas portuguesas directamente, sen darmos a volta por Tui. Explícome. Desde Ourense a Braga, (terceira cidade de Portugal con 185.000 habitantes, e capital da Grande Area Metropolitana do Minho, con 800.000) hai, en liña recta, menos de cen quilómetros, e quince ou vinte máis a Guimaraes, con 165.000 habitantes. E para a lóxica conexión dos sistemas de estradas de alta velocidade galegas e portuguesas polo curso do Limia, desde Celanova, faltan só uns de 70 km, sen ningunha dificultade orográfica especial. Ou sexa, non hai que furar túnel ningún como o da Cañiza nin avantar cañón coma o do Sil, nin nada parecido. E conectaríase directamente cunha das zonas máis dinámicas de Portugal e facilitaría, claro, o acceso desde/a Porto, verdadeira grande cidade do NW ibérico. 

O murallón de serras que temos entre Ourense e Portugal ten dúas fendas de dous

 ríos: a do Támega, xa ben aproveitada; a do Limia, cómpre mellorala.

Te puede interesar