Opinión

Agonía e alegría do curso escolar

Agonía vén do grego “agón” ou sexa loita. Así ant-agon-ista sería o dirixe a loita en sentido contrario a un, e prot-agon-ista -o que leva a voz cantante “en pro da nosa parte”. E si, este ano hai unha inaudita -nunca oída- agonía de fin de curso; os protagonistas somos nós, alumnos e profesores, e o antagonista, simplemente o mal fado causado polo bicho. Comentáballes no artigo pasado o disparate daquelas vacacións alucinantes de xuño de 1973 a xaneiro de 1974, froito da idea marabillosa do ministro Julio Rodríguez. E dicíalles que na vindeira cita, ou sexa hoxe, habíalles comentar a miña idea de que tampouco nesta ocasión de ano escolar estraño ía pasar nada especialmente negativo no que respecta á formación dos alumnos. As sensatas orientacións, creo, que publicou onte o BOE co consenso da maioría das autonomías, incluída Galicia e excluídas o resto das do PP e o País Vasco, varren no sentido de favorecer os alumnos. E está ben. Non poden ser prexudicados por algo así.

E eu digo que non lles estou preocupado por este tema porque o único serio que hai hoxe no mundo é o de saúde: a ver se saímos desta. O resto importa moito menos. E o encerro estámolo levando infinitamente mellor do que poderiamos chegar a pensar hai seis meses se nos din que todos nos imos ver compelidos a entrar nas casas coa nosa liberdade de movemento coutada como nunca. E vemos que os vellos tiñan moita razón cando dicían aquilo de “Deus nos libre do que podemos aguantar”. Si. Aguantámolo ben, e todos tendemos a valorar máis as cousas que temos. Ese balcón... Esa ventá... Ese “wasap image”, ese teléfono, esa marabillosa e moitas veces desatendida sanidade, esa familia... E no medio deste panorama desacougante no sanitario e no económico e social, estamos todos aprendendo todos moitas cousas, a marchas forzadas. E como os rapaces son esponxas, están aprendendo moito máis. E é do único que se trata, de aprender. En directo, por pantalla, sós. E que reflexionen. E pensen. E valoren. E fagan criterio. E asuman a súa propia vida, os seus comportamentos. Que saiban ver as orellas ó lobo antes de que os morda. Si. Neste sentido de medre persoal, creo que esta “parada” non vén nada mal. Hai unha maduración exprés que se manifesta na maioría das súas opinións. Todos, case sen excepción, están satisfeitos por como o están levando, máis responsabilizados. A relación no interior das familias, mellorou. A velocidade de vida, a hiperactividade social, o desacougo das présas, freado de golpe. Nunca xogaron máis os pais cos fillos nin fixeron tanta vida xuntos. Desde logo. Nunca entraron máis na cociña a aprender todos. Nunca houbo máis trato cos que están lonxe, inda que sexa polo wasap. Ademais, o bicho está tanguendo a sociedade en pro das asunción tecnolóxica -comercio electrónico, teletraballo, telerelación...- 

Se cadra aprenden cousas máis útiles os rapaces de seu, na casas, que moitas da escola. Dise que o 80 por cento dos traballos que desenvolverán de maiores non están sequera inventados. Os profesores debemos sobre todo, crear inercia de interese no saber, na ciencia e polo goce da cultura, por uns coñecementos e vida en desenvolvemento constante. E a isto non lle vén mal o parón e a responsabilidade asumida. Aínda pola brava. En fin, voulles copiar un fragmento dunha fermosa comunicación que me fai unha alumna de 1º de BAC: "Tomar as rendas da miña educación faime sentir moi produtiva, moi satisfeita e moi contenta cos meus esforzos. Sinto que nesta ocasión o interese posto é cen por cen propio e a motivación que me proporciono a min mesma é moi significativa". E así, moitos. Parabéns. 

Te puede interesar