Opinión

Ai España, España!

Moito me desacouga que se citen tanto as linguas nesta campaña, sobre todo con reviradas declaracións de amor ao español. Imos ver. A Constitución Española dedica o seu artigo 3º do Título Preliminar ás linguas. E ten tres puntos que comezan así: 1. O castelán é a lingua española oficial do Estado... 2. As demais linguas españolas serán oficiais nos seus respectivos territorios... 3. A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural... Así, pois, a Constitución fala de “castelán” para identificalo entre as linguas españolas. Ou sexa, que se falo castelán, falo un idioma español; pero se eu falo galego, tamén falo un idioma español. Que non nos boten fóra da foto, nin os nacionalistas españois, nin os galegos. En fin, furguemos na etimoloxía. A palabra España seica vén do fenicio “span” que era como lle chamaban aos coellos, tan abondosos neses tempos que ata as primeiras moedas romanas inclúen un coello e unha oliveira. Os romanos metéronlle ao ese líquido de “span” un i inicial e un hache e popularizaron o home de “Hispania” para a Península. Os visigodos escribiron Spania referíndose, por suposto, tamén, á Península. De aí que sempre, os habitantes todos da Península Hispánica -o de Ibérica non me gusta porque só fai referencia ao pobo do leste, o que deu nome ao río Ebro- todos, digo, se autodenominasen “españois” e así foron recoñecidos desde fóra como unidade cultural básica, pois é evidente que as culturas galego-portuguesas, castelá e catalá, son moi próximas. É máis, os autores periféricos todos, desde Camoes en Portugal a Joan Maragall en Cataluña, sempre defenderon a súas esencias españolas que non querían que se confundisen con casteláns.

En fin, a teima unificadora -como a turca- vén dunha derrota. Despois da perda de Cuba e Filipinas no noso caso; despois da perda do Imperio Otomano para os turcos. En España deste proceso de asimilación é expoñente tanxencial a bandeira tricolor que inclúe o morado do pendón de Castela para afirmar a prevalencia desta na formación de España e separar así, simbolicamente, os republicanos da II dos federalistas da I. Despois da guerra e franquismo, o proceso asimilacionista reverteu coa Transición e a creación do Estado Autonómico. Pero a falla de peche do marco xurídico fixo que a eterna “loita polas transferencias” provocase desacougo e sensación de provisionalidade do sistema. A progresiva deslealdade e desafección co Estado das forzas nacionalistas e as reticencias ás autonomías pola outra, produciron o mal clima actual.

En fin, a min, español por galego da vella Gallaecia hispana, gustaríame desaparecesen os prexuízos das linguas da política. Aínda máis, gustaríame que nun momento no que as aldeas esmorecen e os pais xa non teñen fluidez dos avós, fosen sensibles a esta realidade e animasen a galeguización total do ensino como única vía para que permaneza entre os vivos unha das culturas tradicionais de España: a galega. Aínda así, non estaría nada garantido, pois a escola capacita pero non modifica hábitos: os nenos están nas aulas unhas 1.000 horas das 8.760 que ten un ano. Pero vaia, acepto que o castelán está ameazado en Galicia, se me aceptan vostedes que eran xigantes, non muíños, os do Quixote.

Te puede interesar