Opinión

Alá o vai... e que non volva

Se cadra podería escoller unha forma máis fina e neutra para me lles despedir do ano e desexar o mellor para o que está para nacer. Pero despois de tempos de boísmo e inxenuidade popular, de aplaudir desde os balcóns para reforzarnos nós mesmos na soidade do peche, demos neste 2022 que nos trouxo, globalmente, poucas cousas boas. Ano desacougo. De “entre que o pau e vai e vén descansa o lombo”. Ano do esmagamento da expresión do pensamento libre. Si. Fronte aos vellos dogmas relixiosos asumidos polos individuos -cada vez menos, iso si- desde a orixe dos tempos, agora férreos dogmas globais, coados como Deusa Ciencia e Opinión Única, amósansenos incontestables desde o Poder. Dogma da influencia antropóxenica na evolución do clima. Dogma da minusvaloración da Transición política e dos seus axentes. Dogma interpretativo nas causas da violencia de xénero e formas de atallalo. Dogma no desprezo da tradición de liberdade do mundo occidental. Dogma na interpretación unívoca do pasado histórico. Dogma da igualdade de peso das opinións, independentes da formación, experiencia e capacidade. Ano cume na posta da intelixencia artificial ao servizo da manipulación das actitudes colectivas. Ano das opinións dirixidas sobre temas únicos. Ano da Guerra de Ucraína que converteu no imaxinario popular o presidente pallaso dun dos países máis corruptos do mundo en paladín das liberdades globais. Ano da mentira, asumida e habitual como comportamento político, xa sen crítica, sen mención. E do insulto. Putin, ata o último instante, dixo que non agrediría Ucraína. Moléstame non só por asasino de ucraínos senón por non ter palabra. A verdade, a mentira son xa só tácticas, non principios. Ano do dogma da promoción do medo. Ano do escáner para as equipaxes de viaxeiros, estudantes e turistas no tren Ourense-Santiago en busca de terroristas. Cando me fan erguer os brazos para pasar o detector de corpo na estación de Ourense, temo pola miña navalliña de Taramundi de cachas de ébano, de abrir paquetes, cartas e cortar cordeis e chourizo, e tomo esa posición de mans arriba como un acoso, unha agresión do “grande irmán do Poder” e nunca como unha garantía da miña seguranza. Non aos temores inducidos. Non teño medo a un atentado. Non teño medo. Non se pode vivir con medo. 

E ano da promoción da irresponsabilidade do individuo esvaecida no éter ideolóxico malvado, obxecto sempre, da culpa sen dono. Digo eu que chovendo a diolas dar -ou non- os vehículos, autos ou autobuses deben adecuar a súa velocidade ás condicións meteorolóxicas e de deseño e firme da vía. En Segovia, Cerdedo ou Kioto. E os vehículos son conducidos por individuos libres o que significa que poden tomar decisións boas ou malas, correctas ou incorrectas e a sublimación de ambas cousas chámase responsabilidade.

Ano ruín. Avolto. Bélico. Tenso. Crispado. Bronco. Áspero. Rudo. Basto. Destemplado. Disonante. Violento. Feo. Ano de consolidación do cambio do paradigma histórico na exaltación do disparate e da banalidade, da condena ao mundo clásico e do auxe da desinformación. Ano de caras enfurruñadas e non de sorrisos. En fin, a esperanza para o 2023 é que a marea sobe e baixa e que nunca choveu que non escampase e que despois da noite vén a mañá e a lúa crece e devece. Deséxolles o mellor para 2023. Esperen o mellor e prepárense para o peor, sempre. A ver se hai sorte. 

Te puede interesar