Opinión

Alfredo Conde et Alli

Perdoen o latinismo final do título, pero sempre me gustou máis citar bibliografía “pola vella” universalizadora, coma os nomes científicos das plantas ou dos animais, que poñer a súa versión romance e escribir “e outros”. 

E empezo por ese “et alii” porque existe unha conexión, nun aspecto, entre Alfredo e outros escritores de Ourense: non teren sido ben valorados. Dalgún xeito, o recurso á Xeración Nós escureceu indebidamente o resto. Dicíame un día Blanco Amor nunha entrevista que lle fixen en abril ou maio de 1979 que debían estar esperando que morrese para facérenlle postmortem a homenaxe pola que devecía en vida; así foi. Outros, como Valentín Lamas Carvajal, tan admirados polos seus contemporáneos -cun enterro de máis de dez mil persoas- e polos seus epígonos, como Xavier Prado “Lameiro”, caeu no esquecemento e non ten colexio, fundación, institución que turre da súa memoria como o cuarto pé do Rexurdimento. Outro dos “et alii” non abondo aloumiñados polo querer popular é Xosé Luís Méndez Ferrín que funde na súa escrita os territorios da memoria e de boa parte da vida: o seu Ourense, a súa Vilanova, a súa Arnoia ou a súa esgrevia zona arraiana do sur da provincia. 

Por iso, que un escritor tan importante e recoñecido fóra como Alfredo Conde sexa nomeado “Fillo predilecto da provincia de Ourense” é unha magnífica noticia. Eu téñolle especial estima máis alá da literaria, entre outras cousas, por ter sido capaz no seu momento de deixar a cómoda torre de marfil da cultura e baixar e enzoufarse na area pública no momento da construción da autonomía. Quero lembrar, si, o paso que deron os galeguistas construtivistas Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Benxamín Casal e Alfredo Conde, acubillados nas listas do PSOE para participaren desde os seus escanos do Parlamento Galego na cimentación do edificio lexislativo autonómico. E logo, o propio Alfredo, no executivo, ao exercer de conselleiro de Cultura entre 1987 e 1990. Isto, desde outro punto de vista, desde outra opción ideolóxica, tamén o fixera Filgueira Valverde nos tempos da preautonomía. Uns e outros pularon pola aproximación das forzas nas que colaboraron á “realidade galega” que era como lle chamaban a aquel movemento galeguizador. E, daquela operación vén boa parte do entramado institucional actual. 

Pero a todos lles custou moito no persoal. A exposición permanente á critica inherente á actividade política, a erosión do traballo de xestión, ou sexa da toma de decisións, fixo que se non un solitario, fose Alfredo un unicum da cultura galega. Que o escritor que gañou os premios da Crítica Española en dúas ocasións, o Premio Nacional de Narrativa, o Blanco Amor de Novela, o Cavour en Italia, o Premio Nadal, etc. etc., que o escritor que fundou o Pen Clube de Galicia e foi o sei primeiro presidente, non teña un posto máis visible no panorama das nosas letras, fala, principalmente, da falla capacidade de integración dun sistema cultural excesivamente liñal nas súas adscricións político-ideolóxica. Ou sexa, algúns que non participaban das tendencias xerais, digamos, por exemplo, que non eran nacionalistas e non se avergoñaban, foron ficando sós como diría o poeta Manuel Antonio. E foron ficando escurecidos nas críticas, nos libros de texto, etc. e só lles quedou a conexión co público, de aquí ou de fóra, onde estes filtros ideolóxicos non tiñan vixencia. Por todo isto, por esta posta en primeira liña do noso afecto colectivo como ourensáns a un dos mellores fillos desta terra, compráceme felicitar a Alfredo Conde e á Deputación por facelo posible. Parabéns a eles e a nós.

Te puede interesar