Opinión

Amable, afable, dilixente

Pode unha persoa suscitar unanimidades? Difícil. Só os “predilectos” de verdade, os etimoloxicamente “amados por diante de calquera outro” que é o que significa a palabra, convocan ao seu redor opinións tan confluintes. E Benito Losada foi unha desas persoas de concordia -de poñer os corazóns xuntos– e de confluencias -de fuír, marchar xuntos-. Unha desas persoas que sabíamos amable, afable e dilixente. Amable, digno de ser amado; afable, agradable de fala e trato; dilixente, facedor das as cousas con amor verdadeiro.

O xoves pasado, o Concello deulle forma administrativa ao que os ourensáns asumiamos desde había moito tempo: Benito Losada -don José Benito López Losada, segundo a excesiva realidade administrativa inserta na placa homenaxe- era boa xente e moi querido. Viñera a Ourense desde o seu Lugo natal pouco antes dos inicios da Transición, en 1975, como delegado de la Juventud e exercera de director da Casa da Xuventude, de 1978 a 2010, trinta e dous anos: toda unha vida laboral e vocacional. Os tempos iniciais foran raros: na descomposición do Réxime os edificios sindicais pasaron aos sindicatos e como só había un par de Casas da Xuventude en España, nin se sabía que facer con elas.

Aquí xurdiu un sistema orixinal, novo, que funcionou grazas ao bo facer do condutor, Benito Losada. Serviu, ademais, como escola de democracia, pois as organizacións xuvenís dos partidos e outras agrupacións non políticas participaban na elección dun presidente e dunha directiva, fundamentalmente asesores, e compartían o seu proxecto cun director administrativo e executivo: Benito. Xuntos, en liberdade, organizaban a vida da Casa. Pero en trinta e dous anos, a Casa cambiou como a xuventude, como o mundo. Desde o inicio, onde era hexemónica a Xuventú Comunista -con Jesús Heredero del Campo, de agradable lembranza e triste final-, pasaron tempos de presidentes nacionalistas -Catuxo, Anxo-, socialistas -Santiago Rodríguez, Lalo Gómez-, etc. E sempre foi un acubillo aberto de colaboración e liberdade que funcionou, dalgún xeito, como a Casa de Cultura viva que Ourense non tivo. Lembremos, por exemplo, o concerto de José Afonso, ou o festival Anti-OTAN. Todo isto inimaxinable sen a man esquerda, a pericia e a competencia de Benito, sempre acompañado por Rosa, colaboradora exemplar.

En fin, a Bienal da Caricatura, o Outono Fotográfico, as Xornadas da Banda Deseñada, o Concurso de Contos para a Mocidade foron, entre outras, realizacións súas para tecer os xuncos da mocidade, vida e cultura. Moitos lle estaremos por sempre agradecidos. Entrementres Benito estivo en activo, a Administración respectou un modelo de xestión senlleiro e ligado ao facer persoal de Benito. Logo a Casa deixou de ser tal e integrouse nunha máis gris realidade administrativa como “Espazo xove”. 

O fillo, Anxo López, abeirado pola súa nai Lourdes, sintetizou nun par de minutos o agradecemento da familia, o hoxe preciso máis ca nunca exemplo de unidade ao redor de obxectivos comúns e a paixón pola lingua galega. Como ninguén nos eo, podemos berrar desde o fondo do corazón: “Viva Benito Losada”. Viva, viva e viva!

Te puede interesar