Opinión

Anoitografía

Nin pensen en buscala no dicionario. Acabo de inventala. Pero seguindo o esquema tradicional, botar man dese marabilloso mundo clásico que nos permite formar palabras que antes non existían. Se a palabra telescopio significa ver lonxe, ou teléfono transmitir sons lonxe, pois ben vemos que son palabras inventadas antronte ou onte, pois como saben, a telefonía en época de Pericles estaba pouco desenvolvida. 

E non existía a palabra “anoitografía” -saboréena vostedes, é estrea mundial, nin aparece en Google- e a verdade, gústame como soa e creo que había necesidade dela. Pero imos por partes. Saberán os que saiban linguas clásicas se o fixen ben ou estou enganado. Xogueilles por aproximación, porque son un amateur -ou sexa un amador, alguén que ama- neste campo minado que é a lingüística. Sigamos. Grafía, sabémolo todos, é descrición, imaxe, plasmación. Así, xeografía, descrición da terra; fotografía, plasmación que se fai con luz. E anoito? Pois a verdade dubidei entre “anoito” e “chazos”. A tradución da primeira sería entre nós “parvo” e a segunda “estúpido”. Así pois, “anoitografía” sería algo así como a descrición da parvidade humana.

E pensei que cumpría a palabra porque vin nun xornal portugués o que gañaron o ano pasado un par de señores que teñen a habilidade de darlle patadas a un obxecto esférico e facer que vaia, máis ou menos, para onde eles queren. Unha habilidade curiosa, desde logo, e simpática, por suposto. Menos, desde logo para min, que a dos xogadores da chave, que lanzan as pellas desde uns quince metros; ou da ra, que aínda que sexa só desde tres metros deben atinar na simpática boca aberta do batracio, nun muíño que xira, nunhas argolas ou nuns buratos... 

E eses dous señores, seguro que teñen oído falar deles, un chámase Messi e é arxentino, e o outro, portugués, un tal Cristiano Ronaldo. 

Pois ben, segundo Forbes -a revista que clasifica os millonarios do mundo- os dous pasaron este ano pasado, en acumulado, dos mil millóns de dólares de ingresos. E cinguíndonos ao ano pasado, o arxentino gañou 107 millóns de euros; 77 en salarios e o resto en publicidade. O portugués debeu quedar rabiando porque só empetou 98,3 millóns entrambas cousas. Máis ou menos un millón cada tres días, cada un deles. 

Pois ben, esta cuestión do excesivo pago aos deportistas nas fases de dexeneración da historia, sexa do mundo clásico ou actual, debe ser tratado, entre outros, pola anoitografía. Por que a cuestión é se somos parvos ou que. 

O case galego -naceu en Lamego- Cayo Apuleyo Diocles foi o auriga máis famoso do mundo antigo, e gañou –iso é contabilidade fina, e non outras- 35.863.120 sestercios, segundo uns estudos que, obviamente, nin coñezo nin me importan e dos que tampouco me fío. Pero cartos debían ser moitos porque por uns mil sestercios comprabas un escravo do montón, analfabeto, rudo e para traballar, non un fino, grego, letrado, para educar os fillos; eses valían moitísimo máis, claro. E todo o gañou o Cayo porque facía correr máis ás súas cuádrigas que outros. Pois vale. Era e éche así a cousa.

E agora, por este tema de dar patadas na pelota, poden converter un neno habilidoso nun xoguete de intereses maiores; incluso fondos de investimento compran partes de xogadores. Si. Sabemos que a máxima de “pan et circensis” está aí, en todas as épocas, en todo tipo de estados. Como a pregunta de se somos parvos. 

Anoitografía; sust. fem. Disciplina humanística que estuda as constantes da parvidade humana. Vou ver se a queren na Academia.

Te puede interesar