Antón Fraguas, do SEG ao IPSEG

Antón Fraguas, do SEG ao IPSEG

Cando escoitei que lle dedicaban o Día das Letras do 19 a Antón Fraguas pensei, entre algunhas cousas amoladas, que o tempo pasaba. Outro máis á nómina dos novos santos laicos que coñecín: Carlos Casares, Manuel María, Xosé F. Filgueira Valverde, Valentín Paz Andrade, Lois Pereiro, Ramón Piñeiro, Ferro Couselo, Xoaquín Lorenzo, Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor... Agora tocáballe a aquel vello optimista, afable e traballador ata a esaxeración a quen vin en cousas do Museo do Pobo Galego e dos premios do Pedrón de Ouro, indo con meu pai ás súas entregas, na Casa de Rosalía.

E co de Fraguas poderiámoslle darlle unha volta a un tema interesante dos anos trinta e corenta, e por min bastante querido -foi o meu tema de Cátedras- tal que a cultura galega na posguerra. En concreto, préstase para falar do nacemento e desaparición do Seminario de Estudos Galegos e do nacemento do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos. 

Tratarei de resumirlles a historia. No ano 1923, uns estudantes e profesores da Universidade -nos que actuaba como motor organizativo un noviño Filgueira Valverde- teñen a idea de artellar unha institución de investigación e reflexión sobre a realidade galega, xa que a Universidade amosáballe allea ao país. Liderárona os galeguistas e integráronse a maioría dos intelectuais do momento. Organizada en doce “seccións”, as máis prolíficas foron as de Arqueoloxía -dirixida por Cuevillas-, a de Xeografía -dirixida por Otero Pedrayo-, a de Etnografía -por Vicente Risco-, a de Ciencias Sociais e Xurídicas -por Luís Tobío e que elaborou o primeiro “anteproyeito de Estatuto de Autonomía”-, a de Arte e Letras -por Castelao-, a de Historia da Literatura -por Filgueira-, etc. Tiña axuda dos centros da emigración e das institucións, sobre todo das deputacións e concellos, como o de Ourense, por certo, e uns centos de “socios” que apoiaban economicamente. Cando chega a guerra, o seu presidente era Otero Pedrayo. E nese momento de desconcerto, xullo-agosto de 1936, máis que disolto, foi esmagado. Algúns dos seus máis prominentes homes foron asasinados – Noguerol, Bóveda, Casal, Díaz Baliño...- ou exiliáronse, como Castelao ou Luís Tobío. Outros moitos adaptáronse á nova situación e algún deles, como Xesús Carro ou Filgueira, teimaron en salvar o salvable. Para iso, para que a Universidade non absorbese os cobizados restos dun desaparecido SEG en situación alegal, Filgueira ideou e formou en 1944 unha nova entidade dentro da oficialidade institucional que chamaría IPSEG (Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos) no mesmo espazo físico do Seminario -en Fonseca- e integrada no Consello Superior de Investigacións Científicas. Trataron Filgueira e Carro de repescar os galeguistas culturais que vivían no exilio interior e lograron editar unha revista -“Cuadernos de Estudos Gallegos”- que quixo ser continuadora das antigas publicacións do Seminario.

A operación tivo bastante éxito. Ao final colaboraron case todos no IPSEG e nos CEG, e Fraguas desde o comezo foi o seu bibliotecario. Servir serviu de punto de encontro entre vellos galeguistas culturais -Fraguas, Bouza Brey ou Xoaquín Lorenzo, por exemplo- cos novos arqueólogos como Xosé Carlos Sierra ou Paco Fariña, aínda que todos -como Otero Pedrayo- sempre foron saudosos da liberdade, xuventude, forza e ilusión do vello Seminario.