Opinión

O apalpador, o black friday e o Nadal

Saben vostede se me len –que alguén haberá que o faga, digo eu- que lles son inimigo do “apalpador”. Porque me molesta amplificar piolladas para convertelas en categorías. E de aí que pasen a “costumes identitarios” xa me parece ridículo. A nosa cultura, ou sexa a cristiá occidental actual, bisneta do mundo clásico, neta do cristianismo e filla da Revolución Francesa, é toda a mesma, con pequenísimos matices. Uns diremos “quen non ten cabeza ten pes” e un italiano dirá “chi no ha testa, ha gambe”, ou sexa “quen non ten cabeza ten pernas”. Vale. Élles todo o igual. Falamos todos o mesmo, un latín máis ou menos apodrecido conforme ó clima e terra de cada lugar, ou unha lingua xermánica, como o inglés, inzada de latinismos. Por iso, de viaxarmos a Italia, ou a Francia, ou a Irlanda, ou a calquera punto da América colonizada do norte ou do sur, sentímonos máis ou menos na casa propia. E se viaxamos a Marrocos ou a China, pois estamos en casa allea.

En fin, que creo que se están dando dous fenómenos paralelos: a “invención da tradición” e a “importación da tradición”. Nesta oposición entre invención e importación, gaña a partida, por goleada, a segunda, pois a inercia da globalización é esmagadora. O Black Friday chegou, como se fartaron de repetir este ano nos medios, só hai tres anos. E o seu medre expoñencial está vinculado, seguramente, a este reducido pasado. Vese como algo moi moderno, moi actual, moi útil, que marca tendencia mundial. Así, sen calzador, directamente en inglés. Nada de chamarlle “Venres negro”, que soaría ao crack da economía mundial en 1929. En sentido contrario, o “apalpador” trata de inventar unha tradición rural, de fronteira co bo gusto –o de andar apalpando barrigas de nenos non é cousa dos nosos tempos-, e o seu único mérito sería ser “noso” exclusivo e continuar unha hipotética vella tradición. Así pois, fracaso máis que probable. Creo.

Eu, pola miña banda, teño que dicir que ningunha destas dúas cousas me cobiza, aínda que unha delas axude a dinamizar o comercio. En fin. Que penso que algo nos debe bulir nas cabeciñas se cando non din “venres de rebaixas” non compramos, e se nos dín “Black friday” si. O poder das palabras, o poder sedutor das linguas... Mi madriña.

A min o que de verdade me gusta, e que creo que habería que conservar e anovar, son as tradicións de aquí. Sen máis. Os Reis Magos –tres, varóns, negro, loiro e moreno- e, en menor medida as “Rebaixas do Nadal”. Que por gustar, aínda me gustaba máis que se chamasen de “Natal”, pois é a palabra máis difundida entre os vellos galegofalantes naturais das aldeas de Ourense. Porque que eu saiba, non habería outra palabra que sonorizade o te latino en galego e non en portugués. Ou sexa, créolles que o “Nadal” noso e o noso “Bon Nadal”, veu polas felicitacións en catalán que aquí se empezaron a distribuir nos sesenta. Doutro xeito, seguro que diriamos Bo Natal. Eu voume pór a elo. Así pois, como xa están as luces prendidas, Bo Natal, boas festas. Que compren moito nas rebaixas e que lles traian moitas cousas eses Reis aos que lles teñen que deixar unhas copiñas e turrón. E se entrementres ben a un gordecho vestido de encarnado entrando polo balcón cun saco ao lombo, non o dubiden, déanlle cun pau. É un tipo que ven roubar. Polo menos os nosos soños de nenos.

Te puede interesar