Opinión

Apelido Orense/Orens

Saben vostedes que moitos apelidos teñen orixe toponímica, como Quintas, Cudeiro, Bande, Masid, etc. Dentro destes, claro, está o nome da nosa cidade e provincia que existe como apelido, aínda que sen moita difusión. Saben tamén que un nome dun lugar, se o lugar é importante, pode ter unha variante noutra lingua. Así nós dicimos Londres, os italianos Londra, pero os ingleses London. Nova York, New York, etc. É o que se chaman exónimo (nome dado desde fóra). Así, o exónimo lóxico de Ourense foi , desde a fala castelá, Orense. Esta forma, dentro da recuperación das formas toponímicas galegas, para evitar cousas como Pungin, Carrajo, La Peroja, Laroco... desapareceu da escrita aínda que non na fala dos maiores castelán parlantes. E mesmo, como saben, deixou un descendente en forma de pequena poboación preto da costa arxentina, Orense, fundada polo ourensán Ramón Santamaría. Escriban en Google “Orense Argentina” e aí topan a historia.

Como é lóxico, os apelidos toponímicos non nacen nos lugares que lle dan nome. O apelido Cruña, vello e enxebre nome da capital do noso Atlántico norte, por exemplo, é exclusivo da zona de Cospeito, Abadín e Vilalba, onde o levan unhas 90 persoas. Non hai, curioso, ninguén que se apelide Coruña. Ou das 205 persoas que se apelidan Lugo en Galicia, 35 están en Ourense, e 125 en Pontevedra e case todo o resto en Coruña. Claro. O apelido xorde para particularizar a un individuo, polo que non axudaba nada chamarlle a un de Vigo, en Vigo, Vigo. Pero se llo din en Verín, por exemplo, é outra cousa. 

Pois ben, todos saben que en Madrid hai unha rúa que se chama Orense. É en honor a un xornalista e político, republicano federal, nacido a principios do XIX en Laredo, en Cantabria, que se chamaba José María Orense Milá de Aragón Herrero. Nada que ver pois coa nosa cidade. Ou si, en remotísima orixe familiar. Hoxe, o apelido Orense lévano en España 70 persoas como primeiro e 78 como segundo. E sobre todo nas provincias de Cádiz, Córdoba, Burgos e Madrid. Por certo que o historiador Ben Cho Shey publicou no Boletín da Real Academia Galega un par de interesantes artigos sobre o tema no ano 1957, 1970, sobre todo procurando a historia dos Orense de Burgos, Ávila e Madrid. Están na rede, tamén.

E miren que cousas, o apelido Ourense non existe. Non sería rara unha castelanización total, como aconteceu, por exemplo, co apelido Otero que borrou a todos os Outeiros, aínda que non aos diminutivos, Outeiriños, pois ata o máis radical castelanizador histórico se sentiría ridículo traducíndoos a “Oteritos” ou similar. A forma Oterino, existente por Xinzo, é orixinaria do rural de Zamora, non dunha castelanización dos Outeriños, ata onde eu sei.

Pois ben, non existe Ourense, pero si a forma máis enxebre, antiga, ferriniana e dominante na documentación que é “Ourens”. Si. De mirarmos na cartografía dos apelidos galegos do ILGA, observaremos que no norte da Costa da Morte existen na actualidade unhas 135 persoas que se apelidan así. Concéntranse, sobre todo, en Malpica, Ponteceso e Carballo (100), mentres que 35 viven xa na Coruña. E como chegou o apelido aí? Seguramente da mesma maneira que o apelido Ribadavia ás 30 persoas que o levan na Estrada. 

Imaxino que sería xente que andase no trato do viño e que foi engarrando. Levarlle o viño á taberneira, quedar prendando dela e acabar por quedar parece secuencia lóxica. Logo que lle chamen a un polo lugar de nacemento, pois tamén. 

Eu convidábaos a vir un día ás pozas. Por iso de teren levado o nome da cidade por séculos. Deben ser boa xente.

Te puede interesar