Opinión

Apelidos ao sur

Opinión

Apelidos ao sur

Faleilles nalgunha ocasión do aplicativo “Cartografía dos apelidos de Galicia” que aparece na internet da man do Instituto da Lingua Galega. Alí, poñen vostedes o seu apelido e sae o número de persoas que o levan en cada un dos concellos de Galicia. Os raros case contamos ás persoas. Escribe vostede Vázquez-Monjardín, por exemplo, e aparécenlle só en Ourense. E se escribe Fernández, pois xorden por todos lados, aínda que o máis usado de Galicia sexa Rodríguez, que seica levan, levaban cando meteron os datos, 236.756 persoas. E pode ver que é en Porqueira onde porcentualmente o leva máis xente de Galicia (case o 17 por cento) e é en Taboadela onde menos, pois apenas chegan ao 2 por cento. E estes datos tan exhaustivos sérvennos para pasar o tempo e para deducir cousas. 

Lembro unha vez que visitando a Biblioteca Nacional de Buenos Aires, dirixida daquela por un señor que se apelidaba Rey Castiñeiras -poden supor que non era de orixe croata- e preguntando polo responsable da hemeroteca con quen tiña eu que falar, comentáronme que tiña tamén un apelido galego galego. E cal, preguntei? “Boquete”, dixéronme. Tiven que facer esforzos para non dicir que non me soaba de nada pero, prudente e interesadamente, calei. E mirando logo esa cartografía dos apelidos de que lles falo, aparecen alí 1.442 persoas que se apelidan así, Boquete. Practicamente todos na comarca de que iría de Cerceda e Ordes a Santiago. Pero pola mobilidade de hoxe, ata hai xa 8 en Ourense. 

E si, apelidos que son moi frecuentes nunha zona, son case descoñecidos noutra e dannos pistas dos movementos da xente. Saben cantos “Outeiriños” hai en Galicia? Pois moi pouquiños, só 554. Moitos menos que Boquetes. E deses 554 a inmensa maioría están en Ourense e arredores; entre o concello capitalino, San Cibrán de Viñas e Taboadela, pois tal que 418. Así pois, o apelido é absolutamente ourensán. E fóra? Pois en Vigo hai xa 22 mentres que na Coruña só 8. E se furgamos noutros apelidos de Ourense, Feijoo, por exemplo, vemos que na nosa capital hai 1.206, en Xinzo 401, en Celanova 259... fronte aos 651 de Vigo e só 169 na Coruña. Ou sexa, polos apelidos seguimos a liña emigratoria da provincia de Ourense a Vigo, principalmente. 

E tamén podemos ver a ausencia da reciprocidade. Ou sexa como apelidos tipicamente da comarca viguesa, como Comesaña, non emigran nada. Dos 5.467 Comesaña que existen, viven 4.957 (máis do 90 por cento) entre Vigo, Nigrán, Gondomar, Baiona. En Ourense cidade 11, e ningún en ningún outro concello da nosa provincia. 

Creo que estamos nun momento curioso e interesante neste tema. Os apelidos circulan xa polo territorio pero aínda non están mesturados de todo, e podemos recoñecer de onde proveñen. Pasa como coas moedas do euro. Os primeiros meses, abríamos os ollos cando viamos moedas de fóra, agora xa non. Aínda recoñecemos aos mentados Comesaña ou os Costas como de Vigo, aos Leyenda como de Baiona (dos 574, son de Baiona 425, e o resto de Nigrán e Gondomar, máis os que emigraron a Vigo, 67 ou á Guarda 17, ningún fóra de aí), etc. Vemos pois, a través dos apelidos, como a emigración funciona nun sentido, de Ourense a Vigo, pero non no sentido contrario. Xa o sabiamos. Pero é curioso afirmar co dato certo as intuicións sentidas.

Entretido é xogar con esta aplicación. Tamén hai varias de topónimos pero a esas queda para outro día.

Comentarios