Opinión

Aquel ano xuliano

Opinión

Aquel ano xuliano

O calendario xuliano, o de verdade, foi instaurado por Xulio César no ano 46 d.C. despois de ter consultado un astrónomo de Alexandría, e fixou un ano de 12 meses e 365 días, cun bisesto cada catro; algo moi parecido a hoxe. Pero nos tempos do papa Gregorio XIII matizouse esa cadencia do bisesto pois a duración do ano non é exactamente de 365’25 días senón de 365’2425. E esa piollada de diferenza fixo que no tempo transcorrido desde ese 46 d.C. ao 1582 d.C. (1.042 anos) o erro acumulado chegase aos 11 días.

Por iso fíxose unha reforma nos bisestos para que seguisen cada catro anos, pero eliminando os que cadren en múltiplos de cen que non o sexan de 400. Así, o 2000, lembren, foi bisesto, pero non o 1700, nin 1800, nin 1900. Saben, e senón dígolllo, que para corrixir ese erro, o día seguinte ao 4 de outubro de 1582 -noite na que morreu Santa Teresa de Ávila- foi o día 15 de outubro. E saben que como os ingleses non aceptaron o novo calendario “papista” ata 1752, Shakespeare morreu, ao igual que Cervantes, o 22 de abril do ano 1616, pero non era o mesmo día. Por esta reforma, última de momento, chamámoslle ao noso de hoxe Calendario Gregoriano. 

En fin, logo entre nós, houbo un novo e humorístico “ano juliano” produto, seica, dun engano. Moitos seguro que o lembran e máis dun o gozou. O caso é que en xuño de 1973 intégrase como ministro de Educación do Goberno de Carrero Blanco don Julio Rodríguez Martínez, físico, cristalógrafo, daquela reitor da Autónoma de Madrid, pero cuxo cargo fora ocupado ata había poucas semanas polo prestixioso xurista e historiador don Luís Sánchez- Agesta. O que se comentou daquela era que seica Franco lle dixera a Carrero de nomear ao reitor da Autónoma, descoñecedor do relevo. E podería ser, porque Sánchez-Agesta fora, ata a súa disolución en 1969, integrante do Consello Privado do Conde de Barcelona, e se cadra era interesante telo a man coa mira posta no, daquela, príncipe Juan Carlos. Pode.

O caso é que o tal Julio Rodríguez, nada máis chegado ó cargo, inspirado, deulle ordenar que o curso académico coincidise co ano natural. Meu dito, meu feito. E empezou pola universidade, por primeiro. Así, os alumnos que acaban COU tiveron vacacións de verán entre xuño e xaneiro. Nin que dicir ten que as universidades e a propia administración educativa, alucinadas, puxéronse en contra, pero nada puideron facer. El argumentaba, serio, ante a pregunta de se se baseaba en experiencias noutros países: “No. Tampoco hemos tenido que seguir al extranjero para el descubrimiento de América o para definir el dogma de la Inmaculada”. E as cousas habíanse resolver pola brava. O 20 de decembro de 1973 Carrero Blanco saltou polos aires, e no seguinte goberno, constituído en xaneiro de 1974, o tal Julio desapareceu, e o seu substituto Martínez Esteruelas, de acordo coas universidades, forzou para volver á normalidade un curso anormal, entre xaneiro e xuño de 1974.

E non pasou nada. Os profesionais que se formaron teñen a mesma capacidade que os que non padeceron ese disparate. Os rapaces que lles cadrou, aproveitaron o tempo noutras cousas. Igual que, con máis medios, pasa hoxe. Pero diso heilles falar o vindeiro día.