Aquel discurso de Castelao...

Aquel discurso de Castelao...

Supoño que a vinda do cadro “A derradeira lección do mestre” a Ourense  provocará algunha crítica e envexa. Dirán que se Pontevedra, que se Rianxo... en fin, está ben que veña a Ourense.  Xa lles contei aí atrás que fora un agasallo do autor ao Centro Ourensán, e que servira de pano de fondo á inauguración do busto de Alexandre Bóveda o día 17 de agosto de 1944. E dicíalles, tamén, que os ourensáns publicaran o libro “Sempre en Galiza” na súa editorial, por nome “As Burgas”. 

E para que vexan que esa empatía existía voulles reproducir parte da referencia que fixo A Nosa Terra (nº 436, marzo de 1945) a un acto no que o Centro Ourensán celebraba o seu cuarto aniversario, o domingo 4 de marzo.  O convidado, Castelao, correspondeu cun discurso sobre Ourense. Que fale o cronista de ANT:

 Comezou dicindo Castelao que ía falar en dous tons: un humorístico, para pór unha nota leda nese xantar galego, feito na benquerida terra arxentina, na que os galegos nos atopamos a gosto nunha conxunción de afectos e respetos que tan intimamente nos avencellan a este país i-os seus fillos. O outro ton será de serea afirmación a prol do que Ourense representa no seo da Patria Galega e o que este “Centro Orensano” representa na nosa colectividade.

Cantou Castelao, as eiscelencias do viño do riveiro, viño que fai soñar e fai poesia. Viño que encende e alumea o esprito, e que deixa o corpo san. El quixera brindar con aquel viño de cepas vellas, feito en cubas vellas, e sentir formiguexar na gorxa as agullas de caíño. E recordou que na terra de Ourense abondan os poetas, como o tiña demostrado  nunha curiosa estadística feita por Otero Pedrayo. Foi sorprendente atopar nunha época douscentos cincuenta poetas na provincia de Ourense, e outros tantos... sospeitosos.

As verbas de Castelao puxeron diante dos ouvintes a realidade galega, coma se dun pulo fosen transportados á veira do Miño, as chanuras do Limia, ou ao curuto de San Mamede e da Queixa. Ollábase a vida campesiña e sentíase a armonía da nosa paisaxe. A xente ría, aplaudía e deixábase roubar por un mareio de felicidade. [...]

Eiquí, en Bos Aires, os ourensanos levantaron este Centro, que dende o primeiro día converteuse nun niño quente onde a galeguidade se acochou e cobrou pulos de proselitismo e senso para levar a cabo unha laboura patriótica de grande alento. Os seus catro anos de vida están acogulados de feitos trascendentes, de feitos que para decote ficarán rexistrados na historia do  noso povo. Dun pulo o “Centro Orensano” púxose á cabeza da coleitividade galega, non soio do Plata, senón de toda América: A Irmandade Galega viveu no seu seo, os centros provinciaies xurdiron ao seu exempro, os grandes actos patrióticos saíron da súa iniciativa e contaron coa súa enteira colaboración, esto cando non foron obra eiscrusiva dele.

Pero hai feitos que eu me sinto na obriga de poñer de bulto dun xeito especial: a gratitude  mándame facelo así: Eu fun recibido nesta casa, non soio cos brazos abertos, senón con honores de persoeiros da Patria Galega. Honróuseme co tiudo de socio honorario e o Centro editou o meu libro “Sempre en Galiza”, que é o meirande servizo que poidera facérseme nestes intres tan únicos na vida e para o provir da Terra.

O “Centro Orensano” é, certamente, pol-a súa intuición política, pol-o seu fino taito social e pol-a súa fondura patriótica, un fidel trasunto do povo de Ourense. [...]

Unha delirante ovación fechou o discurso i eispresou a súa gratitude ao persoeiro máisimo da Galiza inmorrente