Opinión

Armas nazis para a república española

As guerras son, fundamentalmente e con perdón, dúas cousas: unha putada e un negocio.  O primeiro para os que lles toca directamente, sexan dun bando ou doutro e teñan máis razón ou menos; e o segundo para os que miran fumando o puro desde a barreira, aplauden, e fan apostas sobre a “faena”. Os primeiros acaban cos países arrasados por xeracións. Os segundos, co papo cheo, poden venderlle estoques e muletas a uns e outros con tal que llas paguen por adiantado, non vaia ser que morran na praza.

A guerra civil española non foi distinta. E aínda que non é un tema que me interese,  hai pouco lin un libro sobre o tema, só porque coñecera o autor:  George Hills. Algún trato tiven con el porque foi director da sección española da BBC cando se desenvolvía o programa en galego, vasco e catalán da emisora (1947-56), e incluso fixo unha viaxe a Galicia no cincuenta e cinco, onde gravou aos poetas galegos -Celso Emilio, Cunqueiro, etc- para a emisora. Por iso o entrevistei un par de veces e fixen o posible para que viñese a Ourense a falar na do premio Aurelio Carracedo cando llo deron a Alfonso Cid en 1994; e  ao día seguinte leveino a comer con Paco del Riego, a Baiona; xantar entretido e interesante. En fin, tamén estivo asesorando a posta en marcha da CRTVG a mediados dos oitenta. O caso é que topei o seu libro “Franco, el hombre y su nación”, compreino e lino. E paréceme unha visión documentadísima e interesante desde unha posición moi británica, moi BBC. E falaba, entre outras cousas máis sabidas (Badajoz, Parcuellos, etc.) da distancia de Franco con Hitler e con Musolini -a pesar dos seus sabidísimos, masivos e decisivos apoios- e do seu xogo manipulador entre as “familias” que apoiaron o seu bando. E chamoume a atención o das armas alemás para as dúas partes, sobre todo, despois da chegada de Franco ao Mediterráneo (15 abril 1938) o que axudaría a retrasar a fin da guerra case un ano. E turrando do fío vin que en 2005 dous daneses, o catedrático, académico e hispanista Morten Heiberg e o tamén profesor da universidade de Copenhague, e helenista Mogens Pelt, publicaron un libro conxunto coas súas investigacións co epatante título do artigo e o subtítulo “los negocios de la guerra”.  Pois ben, para quen queira “aprofundar”,  aí van uns cantos fíos:  Pykal, empresa grega de armas. Rheinmetall-Borsig, complexo industrial militar controlado por Hermann Göring. Prodomos Bodosakis, grego, traficante, intermediario, amigo de Ioaninis Metaxas, ditador grego. Tamén hai información sobre o tema na páxina antimilitaristas.org, e noutras varias. Pero con esa media ducia de nomes abóndalles para mataren o bicho. 

É curioso que sexan xente de fóra, máis libre de prexuízos, a que veña furgar nunha cousa así fea. Ao final, a historia que contan é simple. Co embargo de armas, case todo se movía a través do mercado negro, pagando por adiantado e en divisas. O grego vendíanlle as armas dos alemás aos dous bandos. A maior parte das cartos acababan nos petos xermanos e unha comisión nos dos gregos. Ás veces, o demo do Bodosakis, vendíalle a Franco a información de onde mandaba os barcos con armas xa pagas para a República, para que os asaltase e “roubase”, antes de chegaren. En fin, en moitas batallas, as municións duns e doutros eran as mesmas.  Ou sexa, como resumiría un neno pequeno caca, culo, pedo, pis. 

Te puede interesar