Opinión

Arredor do coche eléctrico

Se o poder económico se concentra e o poder político se esvae, cada vez mandará máis o primeiro. A Unión Europea pode imporlle unha sanción a Google por abuso de poder da posición de mercado, pero se fose o Goberno de Malta, por exemplo, quen fixese iso, no Silicon Valley rirían. E quen di Malta, di a Xunta de Galicia ou a Generalitat de Cataluña. Por iso debemos combinar sabiamente a defensa da identidade propia, sobre todo no cultural -no fondo é o único que nos particulariza-, coa articulación en espazos máis grandes de representación, decisión e defensa dos cidadáns.

Outro tema, lémbranse cando se puxeron de moda as bombillas “de baixo consumo”, aquelas que eran como tubiños fluorescentes enroscados? Ata o Goberno as regalaba para promocionar o seu uso. Estigmatizadas foron as vellas “de toda a vida” por pouco eficientes. Pero de alí a pouco “descubriuse” que eran supercontaminantes e que era, incluso, moi perigoso inhalar o polviño que levaban dentro cando rompían, etc. E veu a moda dos leds que xa veremos onde nos leva porque aos oculistas só lles oio falar mal delas. En fin. Lembran, tamén, por suposto a prevención que hai que ter coas chamadas “baterías botón”, esas pequeneiras dos reloxos ou da microelectrónica.

Pois ben, non lles teño nada claro o tema do coche eléctrico. Para empezar, non me gusta que as compañías eléctricas teñan incluso o poder sobre os nosos coches. Imaxinan o abuso que podería haber? Gústame que haxa Galp, Repsol, Cepsa, etc. e máis aínda cando se pelexan por poren os prezos máis baratos. Non quero tanto poder para as eléctricas.

As baterías. Se é moi contaminante a dun reloxo, que pasa coa dun coche? Hai hoxe varias alternativas, todas con nomes feos: de chumbo e ácido, de níquel e cadmio, de níquel e hidruro metálico, varias de litio... e non hai nada definitivo e seguen investigando no tema. Ademais, ata onde eu entendo, se se vicia a batería dun móbil nun ou dous anos e queda inservible; se se vicia a batería dun portátil, cal será vida dunha, tamén, carísima batería de coche eléctrico? Pois as máis usadas nos híbridos, as de níquel-hidruro metálico seica se derraman entre os 300 e 500 ciclos de carga. Imaxinen vostedes que despois de botarlle gasolina ao coche 100 ou 200 veces -as cargas eléctricas duran moito menos que as eléctricas- houbera que tirar con el?

Ademais, a produción da enerxía eléctrica tan masiva para moveren tanto coche, de onde viría? Das limpas e eficientes nucleares non parece, dada a demonización desta enerxía. Do aire ou do sol, tampouco chega. (Simpáticas as queixas tamén, aos parques eólicos.) Parece pois que viría das centrais térmicas, ou sexa queimando en orixe combustibles fósiles e creando, pois, outro aro máis na cadea. Así, en vez de queimalo eu, quéimanmo e teño que levar a enerxía nunha batería.

En fin, creo que cómpre un pouco máis de pouso e calma no tema. A manipulación da opinión pública por parte dos ditados dos intereses económicos das megacompañías coa inercia seguidista de moitos inxenuos que ao escoitaren as palabras “verde”, “ecolóxico”, etc. xa non pensan máis alá. A carencia de espazos de encontro e reflexión entre os especialistas, á marxe de modas e mercado, que deberían impulsar os poderes políticos, fanos andar coma cataventos en función de onde sopra o vocerío dominante.

Te puede interesar