Opinión

As mulleres en Nós

No manifesto das Irmandades de Lugo, en 1918, -primeira sistematización política galeguista- no apartado III, “Problemas políticos”, recolle no artigo 1: “Igoaldade de dereitos pr-a muller”... aínda que no apartado V, “Cuestións xurídicas”, no artigo 4º, interpreta: “Igualdade de dereitos da muller casada, pol-o menos, no caso de emigrazón do marido”. En fin, as contradicións son típicas de calquera momento de avance, e os galeguistas estaban polo avance; así, no xornal A Nosa Terra, nesa altura, hai tamén numerosos artigos sobre o tema. O certo é que na tradición literaria galega hai dúas mulleres sobranceiras en cadansúa lingua: Rosalía e Emilia Pardo Bazán. Poucas culturas mundiais teñen como figura totémica máxima das súas letras unha muller, e nós temos a Rosalía de Castro. A maiores, no XIX, tamén naceu aquí outra grande figura, Concepción Arenal. En fin, estes tres casos debemos telos ben presentes, pois elas, coas proxeccións públicas, sitúannos como unha das comunidades nas que as mulleres no XIX tiñan acadado máis visibilidade e consideración de toda España. 

O caso é que na revista Nós hai unha escasísima presenza feminina, como, en xeral, había en calquera publicación do momento. En Nós, dos aproximadamente douscentos colaboradores con artigos de seu, só hai tres escritos por mulleres. A situación empeora se vemos quen elas eran: Margot Sponer, unha bolseira alemá que en 1926 percorre Galicia investigando cuestións de lingua e escribe unha nota desta viaxe; Annie Mc Swiney, irlandesa, irmá do alcalde de Cork morto en folga de fame en 1920, poucos días antes de saír a revista (por certo que na correspondencia privada de Risco sinala que xa ten no seu poder para traducir o texto que lle envían os irlandeses de Madrid, de Mary, irmá do mártir, que, certamente, foi a que levou o peso da actividade política da familia, logo da morte do irmán), e a terceira voz, única galega, é Francisca Herrara Garrido (1869-1950). A ela dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1987. Publica na revista tres textos: o relato “A neta da naipeira”, o poema “A nosa nai Galiza” e o máis interesante para ver a súa posición fondamente conservadora, relixiosa e moi favorecera do papel tradicional da muller -casa, crianza dos fillos, submisión ao marido, etc.- no pequeno ensaio “A muller galega” (núm. 6, agosto, 1921). 

Despois aparecen tamén publicadas na revista achegas de cinco alumnas de Risco que fan traballiños etnográficos de recollida de materiais, para a sección “Arquivo filolóxico e etnográfico de Galicia”. Todos estas modestas informacións están publicadas o mesmo día, no número de marzo de 1934. Son elas Purificación González Feijoo, Dolores Fernández Quintás, María Sánchez Fernández, Josefa Rodríguez Vázquez e Carmen Somoza Pato. María -Maruja- Sánchez, compañeira de Risco na Escola Normal de mestres e participante nos cursiños de difusión cultural que organizaban desde a Escola, será inspectora de ensino durante moitos anos na zona do Barco. Completan a escasa presenza feminina quince informantes de aldeas sobre temas etnográficos e vinte e tres mulleres máis cuxa actividade aparece referenciada na sección de novidades “Os homes, os feitos e as verbas”. Desde Rosalía de Castro, á pintora Maria Corredoria; desde a Filomena Dato á monxa Exeria. En total, 46 nomes de muller nos 15 anos de Nós. Moi pouca cousa. Eran os tempos. Por sorte, hoxe inimaxinables.

Te puede interesar