Opinión

As portadas de Nós

Unha das cousas máis espectaculares da parte da exposición “Galicia, de Nós a nós” que está no Centro Cultural Marcos Valcárcel é a instalación en espiral das portadas da revista sobre fondo fucsia, ideada polo magnífico deseñador Miguelanxo Carvalho, de Blau Estudio. Se non o viron, vaian a pé feito, porque lles merece moito a pena. Está na sala grande de abaixo e ten incluso un punto ideal para facerse selfis.

As portadas expostas son todas. A metade da colección de Leuter González Salgado -que as ten o seu neto X.L. Carrión- e a outra metade de Amador Villar Amor, que ten o seu neto Amador Rego. En total son 134 que corresponden con 144 números, e isto é así porque hai números dobres e, incluso, un séxtuplo, o derradeiro, o 139-144 de xullo-decembro de 1935. 

Son portadas para convencidos. Para crentes na causa, pois por fóra non se adiviña nada do contido: non hai índice de artigos e colaboradores, unha foto, un debuxo, un titular que dea pistas do que hai dentro.

A primeira portada, sobre un lenzo branco, simplemente o nome de Nós, coa súa grafía característica moi estilizada, coa mesma tipografía que fixo para A Nosa Terra e que se deixa de usar no verán de 1920, enmarcado o nome nun rectángulo na parte superior esquerda e a data de inicio, 30 outubro 1920, na inferior oposta. As oito seguintes son semellantes pero complementadas con pequenos debuxos de Castelao que se repetiran na iconografía do galeguismo en moitas publicacións: a vella bicando unha caveira, a campá tanxida, a Piedade do cruceiro, o sanguiño enraizado na caveira, cruz de Santiago como espada, o dolmen e a estrela, ou neno ollando pola fiestra.

A partir de abril de 1922 e ata agosto de 1925 -cunha estraña reutilización en catro números xuño e outono de 1933- úsase a que podemos chamar “segunda capa” froito da aprendizaxe de gravado que fixo en Alemaña Castelao nos meses anteriores, e concretada nunha composición a modo de retablo barroco acugulado de elementos decorativos, de forte simbolismo, con sabor románico e art nouveau. 

No exterior, unha cenefa de puntos brancos todo ao redor, que bordea tamén o anagrama central Nós; un cáliz na parte superior central evoca a importancia do espírito; dúas figuras femininas en capiteis, cunha bola de pan e unha xerra de viño –con lectura relixiosa e laica– inspiradas nun capiteis vistos no Museo Cluny, de París; unha figura de leñador –a fortaleza e liberdade–; unha muller que fía la –a artesanía e tradición–; na parte inferior, un gaiteiro e un pregoeiro que toca o corno. Debaixo do nome da revista, central, recrea un capitel visto no Museo do Pobo Bávaro en Munich, e que representaría as dificultades da obra, pois dúas figuras humanas son atacadas por serpes. O conxunto repousa sobre unha caracocha, árbore da vida que podemos rastrexar ata Babilonia, abeirada por un gaiteiro e un pregoeiro.

A versión terceira e definitiva, en uso desde de setembro do 26 á fin da revista, inclúe pequenos e significativos cambios respecto da anterior: o campo de impresión redúcese, xa non é impresión a sangue, senón que hai marxe en branco ao redor; inclúense sete cruces ao redor do cáliz da parte superior; as letras de Nós fanse máis compactas e elimínase o punto que vai despois, e a figura da árbore é substituída polo tradicional amencer detrás do dolmen tan querido de Camilo Díaz Baliño, co que, acompañada a escena do gaiteiro tocando a alborada e pregoeiro chamando á causa, a capa acada a súa plenitude significativa. 

As variadas e aleatorias cores das tintas e papeis danlle vida á instalación e coinciden coas cores dos libros e folletos saídos das imprentas Lar e Nós en cadanseus momentos.

Te puede interesar