Opinión

Benditos sexan os infieis

Non é a primeira vez que o digo, pero gústanme os infieis.  E todo turra de nós cara á infidelidade nesta sociedade cada vez máis líquida. E unha das cuestións que distinguen as sociedades avanzadas e libres como é a europea occidental da que formamos parte, é a variabilidade fásica das opinións das xentes, dentro duns poucos principios inmutables xerais, de democracia, igualdade, progreso... e outros terreos comúns. Ou sexa, que unhas veces matizamos a nosa opinión nun sentido e outras, noutro. Somos, pois,  cidadáns libres e escolledores. Os infieis son, somos,  dalgún xeito, a esencia da liberdade humana.  Aínda que moita xente teña un restaurante preferido, ás veces, por calquera motivo, vai cear a outro. Podemos comprar nesta zapatería ou naqueloutra. Podemos ir a un concerto de música clásica, a unha verbena ou a un festival de rock... ou á praia e á montaña, e non deixamos, nunca, de ser nós mesmos. No fondo os que non son de piñón fixo, os que, sen problema, poden ir a varios restaurantes, zapaterías, os que escollen libremente e cambian de opinión, son responsables do correcto funcionamento da sociedade moderna: reparten, repartimos oportunidades. Tamén son, somos, por suposto, os infieis, os principais valedores prácticos da democracia. Imaxinen vostedes que as persoas desde que votan por primeira vez a unha sigla, aos dezaoito anos, elección tras elección seguiran sempre igual: escusábase  perder o tempo facendo votacións.

Por sorte, non é así. As persoas, como seres esencialmente libres -de non ser libres, non son persoas-, poden cambiar sen entrar en contradición con eles mesmos. O propio presidente do Goberno Galego, Alberto Núñez Feijoo ten lembrado en varias entrevistas, que no seu día votou o PSOE de Filipe González. Si. E curiosamente, eses cidadáns libres e reflexivos -os que votan despois de pensar o que lles dita a conciencia en cada momento- son o único obxecto dos intentos de sedución electoral. Cando a propaganda se dirixe aos convencidos, aos partidarios, non ten efecto para integrar novos apoios. Por iso, os que planifican esas cousas, deberan mirar sempre máis alá das propias mesnadas.  

En fin, que mañá hai eleccións, despois destas dúas campañas enlazadas. Vostedes deben elixir -palabra emparentada tanto con ler como con escoller e recoller, a través da proveniencia dun étimo latino “legere” que era tanto ler como escoller con distintos prefixos e evolucións. Elixan ben, libremente, sempre.  E saiban que para elixir, vostedes deben tomar unha decisión.  E a palabra decisión significa facer un corte nun proceso de avaliación -como corte é en escisión-. E sempre que se decide, se escinde unha idea doutra, e ao facelo con anticipación deberán de prescindir dunhas opcións para escoller outras. O normal é facer un xogo de descarte, ir desbotando pouco a pouco opcións, ata chegar a un dilema, que como ese prefixo di indica, é a escolla entre dúas opcións. Así pois, libremente, reflexionen, decidan, prescindan, escollan e voten. E que todos os electos recollan a voz dos cidadáns e nós recollamos vontade, traballo, esforzo e eficacia no noso favor colectivo, en Ourense e en Estrasburgo. 

Que vostedes o voten ben. 

Te puede interesar