Opinión

A bolboretiña do día | Sobre as folerpas

Non hai dúbida de que a forma folerpa é a que inercialmente se impuxo no galego actual entre outros moitas ducias de palabras: farrapos de neve, fopas, folepas, folecas, foupas,  zopas, faíscas, etc. etc. Pásalle como á folla do piñeiro que tamén ten moitos nomes. Na maioría das linguas latinas o da neve procede da forma latín “floccus” que facía referencia a calquera cousa de textura suave e esponxosa de aí o “floculante” das piscinas que decanta  a sucidade “ambiente” da auga nunha masa difusa no fondo. Dese “floccus” veu a forma portuguesa culta “flocos de neve” que tamén usa, e é proposto en galego tamén, para os de millo palomitas e para a comida dos peixes de acuario. E veñen dese latín, o italiano “fiocchi”, o francés “flocons”, os “flocs” do catalán, os “fulgi” do  romanés... incluso, no  inglés, os “snowflakes” ou para almorzar, os “Corn flakes”. A min, flocos de neve, gústame como sinónimo culto, xunto con varios outros populares. Como folerpa, claro.

Te puede interesar