Opinión

A bolboretiña do día | A miña aixada

Sempre lembrarei un día, hai corenta e cinco anos ou máis, no que unha amiga neofalante moi radical e un servidor estabamos non sei onde con non sei quen facendo non sei que cousa. Os detalles pouco importan. Canda ela levaba unha sobriña ben pequecha á que coidaba nalgunha ocasión. E unha señora maior, meniñeira ela, preguntoulle pola neniña. A miña amiga, toda orgullosa, díxolle “É a miña aixada”. A vella, retranqueira e sorrinte, foi didáctica: “Ai, nena, é ben bonitiña a pequena, pero de aixada non che lle vexo moita traza... E non che será ela afillada? A miña amiga púxose rubia coma un tomate pero despois todos rimos, porque para aprender a andar en bicicleta, se cadra hai que caer de cando en vez... E non pasa nada. Se non se manca un, claro.

Te puede interesar