Opinión

A bolboretiña do día | Patacas e dólares

As patacas viñeron de América e os dólares alí están. Pero hai máis relación, xa verán. As patacas non trouxeron o nome, como tampouco o millo, que se asimilou, como saben a outro cereal que aquí había e que en castelán chaman “mijo” e nós, “millo miúdo”. E de onde lle vén o nome? Pois do árabe, seica. Como o oen. En castelán “patata” seica é un cruce de batata (palabra caribeña) e papa (palabra dos Andes). Pero “pataca” e “patacón” eran moedas que se usaron por todo o mundo desde Holanda ao mundo portugués. Así houbo moedas “pataca” en Brasil, Portugal, Timor, Macao... E seica vén do árabe “bataqa” apócope de “abu taca” que significaría “o señor na ventá”, pois naquela moeda as columnas de Hércules do escudo español eran confundidas con marcos dunha ventá. (Os americanos usáronas para barrar un ese maiúsculo e facer o símbolo do dólar). E non hai nada raro. Nós confundimos –ou rímonos—do león do reverso das vella moedas españolas, chamándolles “cans” ou “cadelas”, e os casteláns, complicados eles, “perra gorda” “perra chica”. O paso da “pataca” moeda ao tubérculo, por confusión, seguramente. Debían custar pouco. A pataca o quilo. Hoxe anda andan a dólar.

Te puede interesar