Opinión

Bolboretiña: Xouvas ou parrochas?

Hai palabras na que a diferencia é clarísima

Nós, os de Ourense, sómoslle medio de Vigo, porque a metade de Vigo é de Ourense. Así cando dunha palabra do mar hai moitos sinónimos, cousa que acontece con moita frecuencia, nós tiramos, loxicamente, para o sur. 

Hai palabras clarísimas: A ningún ourensán se lle ocorre chamarlle “parrochas” ás xoubas, como fan na Coruña. E aínda así, é forma que tamén poñen no Gadis por ser empresa de nación coruñesa. E os caramuxos, eses caracoliños que hai nas fendas das rocas do mar e que se comen cocidos e sacándoos da cuncha cunha agulliña, nunca serán para nós “minchas”. 

E que haxa sinónimos non é problema, fala da riqueza da lingua. Como dicir “calmar” ou “acougar”. Ou chamarlle “fungueiro” ou “estadullo”. Iso que estes últimos, se cadra, desaparecen canda os carros e os seus vellos nomes. Lembran? Chedeiro, cabezallo, ladrás... Agora somos máis de “tractor”, “embrague”, “cadeas”, “remolque” e así. Cousas dos tempos.

Te puede interesar