Opinión

Burbullas e contas da leiteira

Ourense, quince candidaturas. Menos, proporcionalmente, que en moitos concellos pequenos. Ourense, 86.613 electores. E Maceda, con 2.545, tivo seis. Ou sexa, unha por cada 430 votantes. De aplicarmos esa media Ourense tería que ter algo máis de 201 candidaturas. Menos mal que as matemáticas son só matemáticas, aínda que haxa quen xogue con elas, moitas veces para botar as contas da leiteira. E usamos esta frase non para falar mal das que baixaban de Vilar de Astrés no amencer, senón como o que é, unha pura frase feita, produto das percepcións colectivas na historia. As contas da leiteira son o que son, e moitos son as que as botaron nas eleccións de onte.

En fin, se pensamos que das quince candidaturas houbo tres que sacaron menos de cen votos, unha que non chegou aos douscentos, outras dúas que non chegaron aos mil, e outras tres que pouco pasaron deles, temos nove candidaturas que entre todas xuntas lamben a penas o 10 por cento dos votos. En ecolóxicas palabras, houbo que achegar aos colexios, polo menos, 780.165 papeletas que foron escollidas, por xunto, por 5.554 electores. Ou sexa, desperdiciáronse 746.611, o 95,7% do xénero producido. Clamo polo voto electrónico en cabina porque non parece que sexa fácil facerlle pagar o papel ás candidaturas. E iso non estaba mal, polo menos ás que non chegasen ao dous por cento; así habería quen o pensaría mellor antes de meternos a todos en gastos.

Pero estas contas reais como a que lles fago arestora das papeletas, son fáciles e nada teñen que ver coas da leiteira dos que imaxinan ser, de seu, edís pola escolla popular. Imos ver. Ás veces parece que vivimos en burbullas e que non falamos coa xente. As percepcións que temos os que andamos pola rúa e falamos con uns e con outros, adoitan coincidir, máis ou menos, cos resultados electorais. Á percepción de que faltaba forza na alcaldía, de que a grileira das Mareas ía acabar mal e moitos votos volverían ao BNG, e de o PSOE estaba surfeando coa onda a favor, faltábanlle só a concreción en números. Podía ser un pouco máis arriba ou un pouco máis abaixo, pero a liñas xerais eran esas. 

E sorprendería, de non sermos conscientes das debilidades humanas, que xentes boas e preparadas confundisen os niveis de visibilidade pública coa posibilidade de saíren elixidos. Temos tendencia a ter unha estima por nós mesmos desproporcionada, que nos faría vernos máis capaces, queridos e necesitados do que en realidade somos. Que un ocupase ou ocupe espazos de proxección e entretemento público nunha cidade como a nosa, non significa absolutamente nada máis que algunha xente te coñece. E esta tendencia de crerse elixidos polo destino está tamén impulsada pola perda global do sentido do ridículo que vemos adoito nos programas de televisión. Polas dereitas e polas esquerdas. 

Para o próximo día queda o comentario dos resultados. Só avanzo un. Dos once municipios máis poboados da provincia, onde viven 130 mil dos 189 mil votantes aurienses, só en dous gobernará, de seu, o PP: San Cibrán de Viñas e o Pereiro. Nos outros (Ourense, Allariz, Barbadás, O Barco, Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín, Xinzo) non parece sumar. A zoupada, grande; aínda que o amigo Manolo Prado saque en Beariz 11 de 11. Alí votaron só 543 persoas.

Te puede interesar