Opinión

En busca do seu Thich Quang Duc

Ou se cadra podería dicir do seu Jan Palach. Ou Mohamed Bouazizi. Ou, máis próximo, do seu Joseba Elosegui. Os máis avispados dos meus lectores xa saberán por onde vou. Todos estes nomes do texto e outros varios, dentro e fóra de Europa, teñen en común co Thich Quang Duc teren escollido como forma de protesta política suma a de queimárense vivos. E como o tal Thich á parte de vietnamita era bonzo, digamos que frade budista, e como aquel día 11 de xuño de 1963 o fixo con tanta serenidade que nin soltou un chío mentres ardía, bautizou e puxo de moda esta forma de protesta tola. E salvo o vasco que acabou sendo senador do PNV porque se suicidou mal -como Gila, que foi mal fusilado- os outros morreron e convertéronse en heroes nacionais. 

Se cadra o máis famoso foi o Jan Palach, un pándigo que o fixo para protestar contra a invasión rusa de Checoslovaquia, a comezos de 1969. Así tamén, o tunecino Mohamed Bouazizi que, incluso, disparatadamente ao meu ver, foi galardoado -a título póstumo, claro- polo Parlamento Europeo co premio Sajarov en 2011, e deu inicio a esas “primaveras árabes” que trouxeron o que trouxeron. Tamén podían buscar exemplo como o de Bobby Sands e outros nove alucinados mozos norirlandeses -todos andaban polos vinte e tantos anos- que morreron por folga de fame en 1981 en cárceres británicas (reparen a data e a “ditadura” contra a que protestaban, Inglaterra) e que tamén teñen monumentos e liñas nos libros de historia de Irlanda. Varios líderes cataláns xa están no cárcere e terían fácil iniciala, pero por sorte para todos, non son xa tan noviños, e saben que nin a fame non é boa conselleira, nin os conselleiros son xente de pasar fame.

En fin, calquera estratega sabe o ben que funcionan os mortos. Viron o da momia destes días. E a Cristo, porque o crucificaron. Demos ou deuses. Símbolos a enxalzar, exemplos a seguir... intocables heroes máis ou menos planificados. Pero os nosos funcionarios da orde, autonómicos ou centrais, levan aturado o aturable e actuado co máximo coidado para que isto non sucedese; non é a nosa a situación chilena, cunha policía con campo libre e gatillo fácil. E non se trata de que os atolados mozos que andan nesas primeiras liñas queimando lixo, arrincando sinais de tráfico, facendo chover adoquíns e cousas peores, queiran morrer... pero quen está por detrás, sabe ben o ben que lles viría un defuntiño; un rapaz ou rapaza de vinte e tantos, catalán, mellor pola Policía que polos Mossos... porque somos mamíferos territoriais e igual que berraban nas festas “vivan os de Lalín con razón ou sen ela!”, de producirse, ogallá que non, promoverían un peche de filas ao redor dun sempre magnético ataúde. 

En fin, estes da primeira liña que xogan a heroes, e os que moven os fíos, deben saber que o poeta galego Paio Gomez Chariño advertiu a mediados do século XIII contra o morrer de amor pois á dama “nunca lle tan ben podo facer servizo morto, como se viver”. Efectivamente. O suicidio, a morte por amor a unha persoa, a un país, a unha causa é, á parte dunha barbaridade, unha parvada. Se un desaparece non pode facer ningún ben ao que quere. Hai moito espazo de progreso para traballar na nosa sociedade, na nosa cancha democrática para xogar partidos, e non debemos queimar o campo de xogo. E menos, desde cómodos despachos de think tanks burgueses, guiar á mocidade por camiños de frustración e desesperanza. 

Te puede interesar