Opinión

A cabeza contra a parede

Creo que non é boa idea tratar de tirar un tabique dándolle coa cabeza. Por moitas cacholadas, sería complicado que caese e podería suceder que acabásemos mancados. E inda sería peor se outro nos encirrase, vai ti ver con que intencións, dicíndonos “Dálle, dálle”, desde fóra. Moito prexuízo, pouco beneficio.

Falo, si, da necesidade de distinguir Putin e Rusia. Ao culpable primeiro e último da masacre do pobo ucraíno, Vládimir Putin, nin auga. Pero os castigos colectivos en forma de embargo xa vimos o resultado que deron en Cuba, unha illiña ao pé do amo, embargada desde 1959, que viu morrer ao seu capataz na cama, despois de ver el pasar 10 presidentes americanos teimando, dálle que dálle, na súa. As sancións externas potencian a cohesión interna. É a tradución do famoso berro das pelexas nas festas de antes de “Vivan os de Lalín con razón ou sen ela”, que, á súa vez, é unha síntese verbal do conxunto de actitudes sociolóxicas dunha comunidade ante algo sentido como unha agresión exterior. Franco, o tipo aquel de Ferrol, conseguiu boa parte dos seus apoios cando a ONU decretou a retirada de embaixadores en 1946; e logo a mediados dos cincuenta na crise con Inglaterra polos tema de Xibraltar. A tribo é o que ten. Por iso cando non hai inimigo exterior, invéntase. Xa o dicía o outro, “o animal máis necesario para o home non é o can, nin a vaca, nin o cabalo, é o chibo expiatorio”. 

Non. Non creo que sexa boa idea expulsar a Rusia de Eurovisión, nin vetar aos seus músicos, nin aos seus deportistas, nin ás súas mascotas dos concursos de gatos, nin ás súas árbores da competición co noso carballo de Conxo, nin deixar de servir -como nun restaurante de Zaragoza- ensaladilla rusa... En fin, todo o que sexa cortar lazos coa sociedade civil rusa vai en beneficio de Putin e do seu goberno fascista. Simplemente. Tería sido posible a caída do comunismo sen a relación dos seus artistas, músicos e deportistas con Occidente? Sen que Julio Iglesias actuase en Moscú en 1989? Foi inocua para o réxime a visita dos Rollings a Cuba en 2016? É máis, creo que o berro ideal sería “Rusia si, Putin non”. Porque Ucraína e Rusia están intimamente ligadas desde hai centos de anos e deberán seguir así. As identidades son complicadas e as realidades poliédricas. Stalin machacou aos ucraínos? Si. Os ucraínos, apoiaron a Hitler por aquelo de que o inimigo do meu inimigo é o meu amigo? Pois tamén. Van ter que vivir xuntos no futuro? As posibilidades da acción humana sobre a tectónica de placas non avanzou tanto como para poder separalos. 

En fin, debemos distinguir manipuladores, ditadores, mafias, asasinos, dos pobos que sofren. As nais, mulleres e fillas, dos soldados do país agresor e as nais mulleres e fillas dos soldados do país agredido teñen as mesmas bagoas salgadas. Rusos e ucraínos tiñan ata fins do ano pasado unha soa asociación, “Eslavos en Galicia” porque nós non os distinguimos. Desgraciadamente xa non existe. 

Tratemos, é complicado hoxe, de construír lazos coas sociedades civís ucraína e rusa, porque tamén son nosas, europeas. Lembremos, que Europa é plural: norte, sur, oeste e leste. Sen a súa parte Leste, sen as grandes Ucraína e Rusia, Europa está absolutamente incompleta. A súa cultura é parte do noso acervo común. Os seus músicos, os seus escritores, os seus arquitectos, os seus pensadores, son nosos. A rusofobia é un pecado inducido por xentes doutros continentes e co que goza o único culpable -que non responsable- Putín. Axudemos á mártir e agredida Ucraína na busca dunha saída, pero non batamos coa cabeza, nosa, no muro do veciño. Os que nos animan, están lonxe e sacan tallada da desgraza nosa. Coma sempre. Coma sempre. 

Te puede interesar