Opinión

Cambio de opinión

Como a esencia da liberdade humana é a capacidade de rectificación, de cambio de opinión, e como me gusta o labio e sabor da liberdade, acabo de cambiar de opinión sobre unha cousa que lles defendín hai tempo. E tan feliz. Creo que estou no certo. Como antes pensaba que estaba. Pero agora, como é despois, pois creo estou máis preto da verdade. 

Vou comezar polo principio. O outro día fun ao aeroporto de Porto. A décima vez que ía no que vai ano, e iso que só apañei un par de voos: xa se sabe, quen ten fillos -ou fillas- non ten vagar. E fun por unha das rotas habituais, por Tui e pola autoestrada “de dentro”, a A-3, a que pasa ao pé de Braga e non pola que vai máis pola costa, a A-28, a que pasa ao pé de Viana do Castelo, e que é pola que vou cando me cadra saír do Val Miñor. Desde aquí, leva dúas horas. Unha, Ourense-fronteira, e outra fronteira-aeroporto. 212 quilómetros. Bastante lonxe, pero dá moito servizo. E sempre que vou penso no mapa, nos catetos e na hipotenusa. Porque saír de Ourense e ir a Tui para logo baixar máis ou menos recto, parece cousa de catetos, deixando a hipotenusa para a vía Celanova, Bande, Ponte de Lima. E de resultas, de que sexa máis atractiva a palabra hipotenusa que cateto, despois de deixar no aeroporto ás viaxeiras que ían apañar o avión, decidín, sen présa nin tempo taxado, volver por esta hipotenusa á que lle faltarían uns setenta quilómetros para empataren a vía rápida galega -que chega a pouco despois de Celanova- coa portuguesa que vai ata Ponte da Barca. E si, hai uns meses escribíralles eu falando da conveniencia de unir eses quilómentros cunha autovía, para así completar tres pasos de alta velocidade entre Galicia e Portugal, sumando este novo aos de Verín e Tui. 

Pero esta viaxe demorada -teño que recoñecer que había catro ou cinco anos que non ía ou viña por aí- fíxome cambiar de opinión. “Afórranse” uns vinte quilómetros escasos e leva uns vinte minutos máis. Ou sexa, “non compensa”. Quen teña présa que vai por Tui. Pero sobre todo hai outra cuestión, o quen queira viaxar e non só transportarse, que goce das marabillosas vistas e da natureza dos embalses das Conchas, de Lindoso e de Touvedo e dos impresionantes canóns do río Limia despois de Lindoso, na zona do Soajo e Britelo, cos macizos pétreos das serras do Leboreiro, e do Xurés encadrando todo. Si. As marabillosas terras do Parque Nacional da Peneda Gerês e da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xures, hai que deixalas en paz, non son lugar para présas. O seu desenvolvemento futuro non debería ter que ver con aceleracións, competitividades económicas de operadoras de loxística, camións a esgalla, tráficos intensos e rápidos que non deixan un can, só fume e ruído por onde pasan... Si, non se pode estragar cunha autovía un espazo natural tan privilexiado e que turisticamente pode ser ben rendible, sobre todo cos novos gustos e tendencias de volta á natureza de arestora. 

Así que, para as présas, por Tui. Pero para gozar da vida, polo curso do Limia. Sen obras innecesarias, aforramos cartos e sufrimentos á natureza e a uns veciños xa castigados coa creación dos nosos mares do sur: Salas, Conchas e Lindoso. 

Te puede interesar