Opinión

Cambios de tamaño

Todo cambia. E tamén de tamaño. Como os grupos parlamentarios, ou municipais, habémolo ver, pero hoxe non toca. Vaiamos a cousas máis achegadas. Sen ir máis alá, a estatura media dos españois varóns a mediados do século XIX era de 1,62 m; en 1910 era 1,66, e hoxe vai camiño do 1,78 m. As mulleres, proporcionalmente, fixeron o mesmo. Agora miden, de media en España 1,62 m, non lonxe do 1,68 de danesas e islandesas. E isto do cambio de tamaño nótase fundamentalmente en dúas cousiñas de estar deitado. Se vostede se mete nunha cama de ferro dos bisavós, peta coa cabeza no cabeceiro e cos pés nos pés da cama, e non teña medo de ter sufrido unha metamorfose como a da cascuda de Kafka, a explicación máis sinxela é, como case sempre, a certa: vostede é mellor tipo que o bisavó, ou bisavoa. A outra ocasión de estar deitado, poida que lle preocupe menos e, desde logo, non a notará, pero produce tamén desacougos entre os que o rodean. Refírome ao problema que se presenta cando unha caixa non cabe nun nicho. Todos, máis ou menos, temos asistido a estas escenas traxicómicas nas que o empregado da funeraria chimpa machada en man, manu militari, os pés e adornos para que meter o ataúde no burato. Inda algún desmaio teño visto entre xentes moi sensibles, por mor dos trafegos de desbaste funerario. Menos mal que agora coas incineracións hanos sobrar espazo a todos. Se fose por lei de oferta e demanda deberían baixar moito os prezos dos fogares de repouso definitivo, pero non se ve tal. 

Algo moi parecido pasa coas coches novos nas prazas de garaxes antigas, e non fai falta que me explique, que todos raspamos nas columnas de cando en vez. Como tampouco cómpre aclaración se lles falo do medre dos televisores. Non só medraron en pulgadas, senón que “labraron” en tipo, como dirían os vellos referíndose aos nenos. Agora case parecen cadros cambiantes. Pero élles cousa curiosa, medran en tamaño e baixa a calidade do que sae polas pantallas. Sen dúbida era mellor un en branco e negro pequeniño, con cousas que se puidesen ver, e non fosen tóxicas para ollos e cerebro. Pero iso xa non te está na nosa man, só apagar, que tampouco é mala cousa.

E hai unha obxecto que debía diminuír de tamaño e por inercia e non o fai. Refírome ás cociñas. Non as salas, os cuartos de cociñar, senón o tamaño das propias cociñas, aparello ou instrumento. Si. As cociñas vitrocerámicas ou de indución deberían ser moito máis pequenas. Ter, por exemplo, dous fogóns en vez dos catro tradicionais, porque, meus lectores, a verdade é que hoxe cociñamos ben menos ca antes. Por unha parte, hai moita menos xente nas casas (ulas as familias tipo de pai nai e catro fillos?), temos máis aparellos de quecer ou cociñar cousas (forno e microondas, seguros; fervedor de auga, grella eléctrica, sandwicheira), á parte de andarmos sempre ás presas, e de comprarmos comida feita nos “take away” enxebres, tipo Coren, ou xa precociñada no super. Ata polos asados ou “codillos” fríos en plástico, para ter de “fondo de armario” na neveira. E fin, menos comensais, menos tempo para cociñar, máis produtos pre ou cociñados, máis aparellos... todo apuntaría a que o estándar pasase a ser xa dous fogóns, porque ademais, cantas veces, meu señor, acendeu vostede os catro fogóns ao tempo? E tres? E non se podería arranxar con dous? Pois logo! Menos é máis. 

Te puede interesar