Opinión

Cambios hospitalarios

Os usuarios da sanidade pública ben sabemos como nas últimas décadas, nos últimos anos, as melloras estruturais son evidentes. Desde os novos complexos hospitalarios como a nova residencia de Ourense, o Álvaro Cunqueiro de Vigo, o Clínico Universitario de Santiago, o de Lugo... ata os non hai moito impensables avances técnicos e de tratamento que hoxe xa se nos antollan cotiás. E o tratamento dos profesionais é sempre excelente. E incluso os restaurantes hospitalarios -tanto dos de atención externa aos familiares, como os que proporcionan milleiros de comidas personalizadas diariamente-, levan máis ca un notable. E os aparcadoiros... pois un mal tolerable: se todo o noso esforzo económico en relación cunha hospitalización gratuíta de calidade como a que temos, é pagar media ducia de euros de estacionamento se non queremos ir dando un paseo ou en autobús, pois xa está. Hai moitos países occidentais en que fan pagar as comidas nos hospitais e non pasa nada. Din alá que o estado ten estar detrás da saúde, pero como a xente tería que comer igual, pois que paguen. Somos -e sabémolo ben- uns privilexiados coa nosa sanidade.

Pero en fin, como todas estas gabanzas non podían saír gratis, vou falar dun par de pexas mellorables. Por suposto nada que teña que ver coa sanidade nin coa organización de servizos. Nada máis lonxe de ser ousado e irresponsable baduando sobre unha área que só coñezo a nivel de usuario plenamente satisfeito.

Pero as miñas pexas -pexiñas, poderiamos dicir- teñen que ver con certas pequeneiras adaptacións a un mundo en cambio acelerado. Unha delas é a propósito das máquinas expendedoras de bebidas e comidas. Se os colexios non poden servir bebidas azucaradas, se estamos en guerra coas bollerías artificiais, etc. non entendo ben que se expendan cocacolas, palmeiras de chocolate e cousas semellantes en centros sanitarios onde normalmente se desaconsellaría o seu consumo. Como ven, pouca cousa é.

A outra aínda está máis lonxe do sanitario. Ten que ver coa telefonía móbil e os servizos wifi. Lembran cando hai anos a xente chamaba ás enfermeiras de planta preguntando polo enfermo tal de tal habitación? Hoxe que todo o mundo ten o seu móbil, ese hábito, incluso por privacidade, desapareceu. Tamén, a universalización dos smartphones -e das tablets- fixo que en boa parte dos espazos públicos e privados das cidades haxa conexións wifi para servizo dos cidadáns. E pregúntome por que non os hai xa nos hospitais. Igual que cando un vai a unha cafetería e teñen á vista o nome da rede e os códigos de acceso, pois outro tanto cumpría facer nos centros hospitalarios. Creo que sería cousa fácil, barata, útil e favorecedora do benestar esas redes abertas para o público. Imaxino aos pacientes comunicándose coas súas familias e amigos, lendo os xornais e mesmo vendo televisión ou series nas súas táblets con auriculares postos, en vez de pagando por uns televisores que, no peor dos casos, molestan aos veciños.

En fin, a wifi pública nos hospitais non é un dereito, claro que non, pero si sería un servizo moi agradecido.

Te puede interesar